Xornada de folga e mobilizacións no ensino privado de 0 a 3 anos por un Convenio Colectivo digno
Fecha: 23 Xuñ 2023
UGT, xunto con CCOO, CIG, SNEP e USO, denuncian o inmobilismo da patronal dos centros de educación infantil de 0 a 3 anos á hora de negociar o convenio colectivo. Situación que obriga á mobilización na defensa da mellora dos seus dereitos sociolaborais.
As negociacións iniciáronse hai máis dun ano e con máis de nove reunións nas que a patronal non amosou vontade de chegar a ningún acordo que lle permita ás traballadoras e traballadores do sector recuperar o poder adquisitivo perdido e gozar de salarios xustos. A día de hoxe son moitos os salarios do sector que se atopan por debaixo do SMI.
Xa no seu momento a patronal causoulles un grave prexuízo ás traballadoras e traballadores do sector ao impedir asinar unhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos útlimos concursos públicos. O que os priva dunha remuneración xusta.
Para denunciar esta situación, os sindicatos convocaron mobilizacións na Coruña e en Vigo. O 27 as concentracións trasladáranse ás portas das escolas infantís e o día 29 terá lugar unha nova xornada de folga cunha manifestación en Santiago para todo o sector, tanto as escolas privadas como as de xestión indirecta.