UGT reafirma o seu compromiso coa loita contra a violencia machista
En Galicia cada ano, 4 mulleres son asasinadas pola súa parella ou exparella
Fecha: 23 Nov 2023
O sindicato, que elaborou un informe con motivo desta xornada, manifesta a súa máis enérxica condena e rexeitamento á violencia machista, cuxas cifras seguen sendo moi alarmantes. Así, de media, no noso país cada 6 días morre unha muller asasinada a mans da súa parella ou exparella, en Galicia cada ano son 4 as mulleres asasinadas a mans da súa parella ou exparella.
Os delitos de agresións sexuais investigados creceron un 31,5% en 2022 con respecto a 2021. Especialmente preocupante é o aumento das agresións sexuais cometidas por menores (en 2022 produciuse un incremento do 45,8% nos casos investigados, con respecto a 2021).
A Unión General de Trabajadoras y Trabajadores tamén amosa a súa preocupación polas novas formas de violencia machista que xorden cada vez con máis rapidez e virulencia, como as que se realizan a través das TIC, o aumento dos ataques colectivos e o uso da submisión química.
Por outra banda, as taxas de violencia machista aumentan no caso das mulleres migrantes, das do rural ou das mulleres con discapacidade.
No escenario Laboral
O acoso sexual e o acoso sexista ou de xénero son as principais manifestacións da violencia machista que se producen no ámbito laboral. Unha lacra moi estendida e moi invisible.
Aínda que existen instrumentos específicos para combater este tipo de violencia, como son os Protocolos contra o acoso sexual e o acoso machista e os Plans de Igualdade nas empresas, a escasa concienciación social, o medo ás represalias laborais e a dificultade de proba, supoñen que unha gran número de casos de acoso sexual ou acoso machista non se denuncian. Á ausencia de denuncias súmase a falta de datos oficiais sobre este asunto, o que dificulta aínda máis a loita pola súa erradicación.
Avances importantes
A ratificación do Convenio 189 da OIT en 2022 e a entrada en vigor do Convenio 190 da OIT, en maio de 2023, foron un gran paso para os dereitos das traballadoras domésticas e contra a violencia e o acoso de xénero. Isto foi posible grazas ao traballo sindical e ao diálogo social.
Outros avances fundamentais son a Lei Orgánica de Garantía Integral con Violencia Sexual e a Estratexia Estatal de loita contra a violencia machista 2022-2025 (que permite planificar e ordenar actuacións no ámbito das políticas públicas contra a violencia machista, nas que colaboraron os sindicatos co Goberno).
A través da negociación colectiva, os Protocolos contra o acoso sexual e o acoso machista no traballo e os Plans de Igualdade son o noso principal instrumento para loitar contra a violencia machista no traballo, incluíndo o ciberacoso e a violencia dixital.
UGT afirma:
- Que o novo Goberno desenvolva, canto antes, os instrumentos legais necesarios para a aplicación do Convenio 190 da OIT. As políticas activas de emprego para todas as mulleres vítimas de violencia machista deben ser revisadas e reforzadas.
- O incremento de políticas e recursos para a prevención e atención integral de todas as vítimas desta violencia.
- Fai un chamamento aos poderes públicos, organismos e organizacións comprometidas con esta loita, para que rexeiten frontalmente os discursos negacionistas da extrema dereita que poñen en perigo os avances na loita contra a violencia machista.
O sindicato, a través da súa acción sindical, negociación colectiva e participación institucional, seguirá loitando contra todas as formas de violencia machista e continuará na loita para acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral. Un paso imprescindible, tamén, para erradicar a violencia machista.
Informe 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller