UGT presenta un informe no que se analiza a situación da muller no ámbito laboral con motivo do 8M
Esta análise permite valorar a evolución da fenda de xénero e a necesidade de adoptar novas medidas para seguir avanzando na eliminación da desigualdade.
Fecha: 05 Mar 2025

Con motivo da celebración do 8 de marzo do Día Internacional da Muller, a UGT Coruña e Cee presenta un informe que analiza a situación da muller no ámbito laboral. Este informe recolle os principais datos de emprego que permiten valorar a evolución da fenda de xénero no mundo laboral e a necesidade de adoptar novas medidas para seguir avanzando na eliminación da desigualdade entre mulleres e homes e da discriminación por razón de sexo no contexto das relacións laborais.
A análise conclúe que as políticas de igualdade aplicadas nos últimos anos, así como as reformas legais e o incremento do salario mínimo, entre outras medidas derivadas do Diálogo Social, están a contribuír a unha maior loita contra a desigualdade de xénero no mundo laboral do noso país. Non obstante, o informe sinala que, a pesar diso, os avances son demasiado lentos e, en ocasións, incluso hai pequenos retrocesos, quedando aínda moi elevadas fendas de xénero.
Conclusións
Entre os resultados obtidos tras o estudo, cómpre sinalar que a fenda de xénero na taxa de actividade feminina na cidade da Coruña aumentou en 2024 ata os 13,45 puntos porcentuais con respecto a 2023, cando a taxa era do 6,29%. Así mesmo, mentres que a taxa de inactividade dos homes do 2023 e 2024 é a mesma (41,8%), no caso das mulleres aumenta un 3,5% chegando ata o 50,2%
Ademais, a análise da nosa comarca conclúe que: a presenza da muller no mercado laboral é menor; aínda que diminúen as cifras de desemprego, éste é máis acusado nas mulleres; o emprego a tempo parcial realízao principalmente as mulleres; a discriminación nas pensións é alarmante, clara consecuencia das desiguais vidas laborais de homes e mulleres.
Se observamos os datos de Galicia, comprobamos que persiste a segregación laboral das mulleres, con mulleres concentradas principalmente no sector servizos; e a asunción das tarefas de coidados familiares por parte dos homes aumenta nos permisos retribuídos mentres que os permisos non retribuídos son maioritariamente femininos.
Reclama UGT
Por todos estes motivos, UGT demanda, entre outras cousas, seguir incrementando o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para situalo no 60% do salario medio e modificar a norma que permite a absorción e compensación dos complementos salariais nos incrementos do SMI; avanzar no camiño das melloras na reforma laboral e na implantación de políticas de emprego que fomenten a incorporación da muller ao traballo en condicións de calidade.
O sindicato reclama tamén que os plans de igualdade se cumpran nos termos esixidos pola lei, e que se garanta o cumprimento da normativa en materia de igualdade de xénero entre mulleres e homes.
UGT tamén considera necesario loitar contra a segregación laboral; aumentar e mellorar as políticas activas de emprego con perspectiva de xénero de forma transversal; adoptar medidas de acción positiva nas políticas xerais dirixidas a eliminar a discriminación e a desigualdade no emprego e a erradicar a violencia de xénero no ámbito laboral cunha política de Tolerancia Cero.
Do mesmo xeito, o sindicato reclama dignificar o sector dos coidados como paso imprescindible para garantir a igualdade de xénero.
UGT destaca a necesidade de avanzar cara a unha corresponsabilidade real e efectiva e dispoñer de permisos retribuídos para o coidado familiar individual e intransferible. Tamén subliña a urxencia de investir na educación para a igualdade e de establecer a coeducación como norma e non como excepción, para conseguir unha sociedade libre de estereotipos de xénero.
Por último, a organización sindical tamén reclama reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da Autoridade Laboral competente para o efectivo cumprimento da lei de igualdade de xénero e non discriminación laboral por razón de sexo.
>> Informe "La situación de las mujeres en el ámbito laboral" - Estatal
>> Informe "A situación das mulleres no ámbito laboral" - Galicia