UGT lamenta os 4 accidentes laborais mortais durante o primeiro trimestre do ano
UGT esixe unha actualización da Lei de PRL para protexer a saúde das persoas traballadoras e garantir que ninguén teña que perder a vida no traballo.
Fecha: 14 Mai 2026
Durante o primeiro trimestre do ano, producíronse 2.959 accidentes laborais con baixa, dos cales 4 foron mortais, estas mortes producíronse durante o horario laboral.
É certo que, en comparación co ano anterior, o número total dos accidentes de traballo reduciuse en 203 e diminuiu o número de accidentes mortais en itínere, pero prodúcese un aumento no número de accidentes de traballo en itínere. Non debemos esquecer que, aínda que parece existir unha mellora nos datos, cada número significa a vida dunha persoa.
En datos estatais, os infartos e os accidentes cerebrovasculares seguen sendo a principal causa de morte durante a xornada laboral. A falta de xestión dos riscos psicosociais nas empresas pode estar detrás deste aumento. Polo tanto, a aprobación da reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais,é crucial. O proxecto de lei reforza a obriga de xestionar estes riscos e inclúe tamén un compromiso coa súa regulación específica, entre outras disposicións. Tamén aborda os novos riscos laborais derivados das transicións climática, demográfica e dixital e incorpora unha perspectiva de xénero na xestión preventiva.
Destacamos a realidade cada vez maior dos problemas de saúde mental. Estes están influenciados por factores relacionados coa organización do traballo, causando estrés, ansiedade e depresión, sen que as empresas interveñan en moitos casos, nin sequera realizando a obrigatoria avaliación de riscos psicosociais. Ademais, o sistema sanitario está desbordado. Por iso, UGT puxo en marcha o Observatorio de Saúde Mental, onde as persoas usuarias poden acceder a unha consulta inicial gratuíta en liña con profesionais da Fundación Psicoloxía Sen Fronteiras.
Por outra banda, é importante destacar as mortes por caídas, por atrapamento, esmagamento ou amputación. Trátase de mortes que deberían terse evitado implementando as medidas preventivas axeitadas e proporcionando ás persoas traballadoras a formación preventiva necesaria. UGT insta a que se reforce o traballo da Inspección de Traballo en materia de prevención de riscos laborais dotándoa de maiores recursos para que poida garantir o estrito cumprimento da normativa pertinente.
Accidentes en xornada (xaneiro - marzo)
| Total | Leves | Graves | Mortais | |
| 2026 | 2.641 | 2.607 | 30 | 4 |
| 2025 | 2.848 | 2.815 | 29 | 4 |
Accidentes in itínere (xaneiro - marzo)
| Total | Leves | Graves | Mortais | |
| 2026 | 318 | 312 | 6 | 0 |
| 2025 | 314 | 306 | 6 | 0 |
Accidentes totais (xaneiro - marzo)
| Total | Leves | Graves | Mortais | |
| 2026 | 2.959 | 2.919 | 36 | 4 |
| 2025 | 3.162 | 3.121 | 35 | 2 |
Variación 2026-2025 (% xaneiro - marzo)
| Total | Leves | Graves | Mortais |
| -203 | -202 | 1 | -2 |