UGT insta ao próximo Goberno a intensificar a loita contra a trata de persoas
Con motivo do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, UGT denuncia que, aínda que a explotación sexual é a forma predominante, a trata de seres humanos con fins de explotación laboral aumentou na UE e en España.
Fecha: 18 Out 2023
Segundo datos da Comisión Europea, cada ano rexístranse no territorio da Unión Europea máis de 7.000 vítimas de trata de persoas. Delas, o 63% son mulleres, e o 23% do total son menores. Aínda que a explotación sexual é a forma predominante, os últimos datos da Comisión advirten sobre o aumento da trata con fins de explotación laboral, cuxas vítimas representan agora o 28% do total (duplicando a porcentaxe rexistrada en anos anteriores).
Esta tendencia á alza da trata laboral tamén se dá en España, segundo o Informe 2022 da Fiscalía Xeral do Estado, e ademáis tamén indica que seguirá aumentando no futuro. Os sectores de actividade sobre os que se abriron expedientes de seguimento ese ano foron: explotacións agrarias, servizo doméstico, construción e labores de limpeza e mantemento.
A trata pode ter vítimas de calquera nacionalidade. Aínda que na UE o 53% das vítimas son nacionais de territorio europeo, en España as vítimas da trata de persoas son na súa maioría nacionais de terceiros países.
A Unión General de Trabajadoras y Trabajadores insta ao próximo Goberno a recuperar e tramitar, canto antes, o contido do Anteproxecto de Lei Orgánica Integral contra a trata e explotación de seres humanos, para intensificar a loita contra a trata e a explotación laboral. Así mesmo, pide modificar a normativa de inmigración para que as vítimas de explotación sexual e de explotación laboral teñan a mesma protección que as vítimas da trata de persoas.