UGT denuncia prácticas antisindicais no centro de Stellantis & YOU na Coruña

Fecha: 16 Mar 2026

Imaxe da empresa Stellantis & YOU na Coruña

UGT denuncia prácticas antisindicais no centro de traballo da Coruña da empresa Stellantis & You (antiga Citroen Perillo) coa
represión dos dereitos sindicais dos seus traballadores e traballadoras e impoñendo trabas ao seu libre exercicio por parte da representación legal das persoas traballadoras.

O comportamento antisindical da empresa, baseado na presión e ameazas, non é máis que un atentado contra os dereitos fundamentais de todas as persoas traballadoras. A liberdade sindical é un piar esencial para garantir condicións laborais dignas e xustas e a empresa quere obstaculizar estes mecanismos.

Estas prácticas son contrarias e incompatibles coa suposta cultura empresarial de STELLANTIS & YOU, que presume de estar baseada no respecto dos dereitos laborais e a participación do persoal.

Pola contra, tanto o propio sindicato UGT como membros da representación legal dos traballadores víronse na obrigación de acudir á vía xudicial e demandar o comportamento da empresa para poñer fin a esta persecución e atentado contra a liberdade, facendo valer os seus dereitos fundamentais e a libre sindicación.

A liberdade sindical non se pode negociar, esiximos o respecto inmediato deste dereito para todo o persoal da empresa.