A subida do SMI acurta os prazos para lograr a igualdade salarial

A subida do SMI, aliada contra a brecha salarial

Un ano máis, co gallo da celebración do 22 de febreiro "Día da Igualdade Salarial", dende UGT-Coruña Cee denúnciase que a brecha salarial entre homes e mulleres persiste, é do 19,1% en Galicia superior á do conxunto do Estado que é do 18,7%, o que provoca que as traballadoras galegas perciban case 5.000 euros menos ó ano, segundo os datos da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do ano 2020 (o último dato que facilita o INE). Pero é que esta brecha sobe ata o 30,4% se se analiza só o sector privado e ó 34,5% no caso das mulleres que cobran pensións de xubilación.

Dentro destes malos datos, existe unha pequena mellora que é necesario poñer en valor. A brecha baixou 2,2 puntos en relación ao 2018, é dicir, pasou do 21,28% ao 19,11% de 2020 (a máis baixa dos últimos 16 anos). De seguro, detrás disto están as subidas do SMI, que arrancaba ao comezo da lexislatura dos 735 euros ata os 950 ( no 2020). E, polo tanto, agárdase que en análises posteriores ca subida ata ós 1080€ do SMI, continúe mellorando a situación salarial das mulleres traballadoras, pero a desigualdade é evidente que aínda persiste.

As razóns detrás da brecha salarial son múltiples e complexas, xa que están relacionados factores máis aló do salario. Como por exemplo o modelo de contratación (temporalidade, parcialidade..), maior repersentación nos sectores precarizados, a infravaloración do traballo das mulleres en traballos de igual valor, falta de transparencia nas empresas na promoción, asignación de complementos... o que hai que ter claro é que todo isto conduce, tanto no presente laboral como no seu futuro de cara á xubilación ou posibles situacións de desemprego, a unha brecha salarial.

As cifras e as estatísticas son claras e contundentes. A nivel comunitario, segundo os datos de Eurostat, que analiza a brecha salarial en salario/hora, ponse de manifesto que as mulleres gañan unha media dun 13% menos que os homes. Segundo esta mesma fonte, Eurostat, en España a diferenza salarial entre homes e mulleres é do 9,4%, do que se deduce que as mulleres españolas traballaron gratis 34 días no ano 2022, dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro.

A brecha por hora traballada no Concello da Coruña é de 18,3 %, 10,90 euros os homes, fronte a 8,9 euros as mulleres, segundo datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do ano 2020, publicada o 22 de xuño de 2022. Estes datos son moi significativos porque eliminan calquera distorsión, en relación ó modelo de contratación, que se podería utilizar como escusa para xustificar salarios máis baixos, porque aquí o que se valora é o pago por hora de traballo, independentemente se se está a falar dun contrato a tempo completo ou parcial.

 

Como mencionamos anteriormente, as razóns detrás da brecha salarial son múltiples e complexas, por iso urxe actuar en todas as frontes (lexislación comunitaria, lexislación nacional, Inspección e Xustiza).

En primeiro lugar, reivindicamos o cumprimento da lexislación vixente en materia de Igualdade Salarial, en concreto o artigo 28 do Estatuto dos Traballadores modificado por Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. Así como o Real Decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

É necesario incluír nos Orzamentos Xerais do Estado, así como nos Orzamentos das Comunidades Autónomas, partidas suficientes destinadas á formación das persoas negociadoras en materia de igualdade salarial entre mulleres e homes.

Así mesmo, é indispensable a formación da Inspección de Traballo nesta materia e establecer un Plan de actuacións de oficio que vixíen o cumprimento da normativa española actual sobre salarios equivalentes entre homes e mulleres.

É necesario revisar toda a normativa que regula a protección social do traballo a tempo parcial, ofrecendo maiores garantías a quen traballa con esta modalidade de xornada. E deberían establecerse penalizacións a aquelas empresas que abusan da contratación de traballo a tempo parcial con mulleres.

Incluír no Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, como infracción moi grave o incumprimento de todo ou parte do artigo 28 do Estatuto dos Traballadores. Na actualidade, os incumprimentos nas relacións laborais en materia de igualdade se enclavan nas infraccións graves cunha sanción máxima de 7.500 euros. Se pasasen a ser infraccións moi graves a contía máxima que se podería impoñer é de 225.018 euros. A igualdade entre mulleres e homes é un dereito fundamental consagrado na Constitución Española e debería estar protexido nas relacións laborais.

O SMI, debe seguir subindo para garantir que os salarios máis baixos, percibidos maioritariamente por mulleres, sexan dignos. Para que desaparecese a maior parte da brecha salarial entre mulleres e homes, o Salario Mínimo Interprofesional debería situarse en 2.054 euros mensuais.

A nivel europeo, esiximos a aprobación da Directiva sobre Transparencia Salarial anunciada a finais de 2019 pola presidenta da Comisión Europea como unha das súas prioridades. Levamos tres anos de atraso e aínda non viu a luz.

Datos de interese:

- As mulleres galegas perciben un salario medio similar ó que cobraban os homes hai 13 anos e, a cantidade que deixan de percibir nun ano achégase aos 2.500 millóns de euros en Galicia.

- As mulleres galegas cobran 4.829,63 euros menos ó ano que os homes.

- O salario medio das mulleres galegas é de 20.446,53 euros ó ano, fronte ós 22.467,48 de media do Estado.

- En Galicia a brecha nos pagos extraordinarios é do 27,9%. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é de 701,66 euros máis ó das mulleres. Hai que ter en conta que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden en si mesmos un factor discriminatorio.

- Por modalidade de contratación, no caso da indefinida a brecha é de 20,1 puntos e de 8 na contratación temporal.

- A brecha salarial que se rexistra nas empresas públicas é moi inferior á do sector privado, dun 6,6%, fronte ó 30,4%.

- A igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario (chegando ate o 36,3% no caso dos estudos primarios).

- En canto ás pensións de xubilación, a brecha é do 34,5%. Cantidade vai subindo progresivamente ano tras ano. 

► Informe de UGT: "La subida del SMI acorta los plazos para lograr la igualdad salarial"

► Informe de UGT Galicia: "A subida do SMI acurta os prazos para lograr a igualdade salarial"