Sen persoal non hai sanidade

A Comisión de Centro do CHUAC convocou o 20 de xaneiro de 2022 una manifestación para denunciar a situación actual que están a sufrir, á que se une a Comisión de centro de Atención Primaria xa que ambas comisións levan tempo denunciando a falta de recursos (tanto humanos como materiais) e o estado de esgotamento físico, emocional e mental, que sufren os e as profesionais.

 

Comisión de centro de Atención Primaria

A Comisión de Atención Primaria vén denunciando esta situación dende o pasado verán, esto derivou en concentracións nas portas dos centros, que mantiveron as protestas dos traballadores e traballadoras, ó longo de varios meses. Outras medidas que levaron a cabo, foron:

  • Unha denuncia ante a Inspección de Traballo con data 13 de agosto de 2021, alertando do risco psicosocial que para os/as traballadores/as supón traballar nunhas condicións como son: consultas saturadas, pacientes con longas listas de espera e profesionais desbordados véndose na obriga de incrementar a súa xornada laboral, mesmo repercutindo na súa saúde e/o conciliación persoal e familiar.Un escrito dirixido á Valedora do Pobo Galego, pedindo que intercedese antes as Instancias que considerase, co fin de obter unha consonancia entre os recursos humanos e as necesidades da cidadanía, xa que Xerencia non só non amosaba interés algún pola situación que se está a vivir, se non que instaba ainda máis a autoxestión dos centros.
  • Esta Xerencia segue sen preocuparse da saúde laboral dos e das profesionais, non se revisan axeitadamente os circuitos, e se desvaloriza o traballo feito, polo que os traballadores e traballadoras, teñen un sentimento de desamparo por parte das distintas Direccións.

Esta Comisión esixe:

  • Coberturas das ausencias en categorías do 100% a xornada completa.
  • Que se cumpla o acordo de A.P. de 2008.
  • Previsión e organización na AP.
  • Aumento dotación de prazas estructurais nas áreas administrativas.
  • Incremento de profesionais coa implantación de novos programas.
  • Evaluación das necesidades dos centros en canto a recursos materiais e estructurais nesta A.S.
  • Creación de prazas estructurais en todas as categorías incluído as deficitarias.

A burocracia desmedida ocasionada pola pandemia, foi o detonante que destapou a realidade da Atención Primaria, infradotada en recursos humanos e indignas condicións laborais. Pero non deixa de ser a punta do iceberg, dunha situación estructural denunciada dende hai máis de 20 anos por Sociedades Científicas, Colexios Profesionais e Sindicatos.

A sexta onda, terminou de desbordar a Atención Primaria, onde acudiron miles de pacientes aos Centros de Saúde e PACs, para ser atendidos polo mesmo persoal.

A situación que se está a vivir a día de hoxe, non deixa de ser a crónica dun colapso anunciado e a constatación de que a Primaria mantívose polo esforzo de todos os e as profesionais. Se chegase a colapsar, os e as pacientes buscarán a asistencia inmediata que precisen, no outro nivel asistencial accesible que son as Urxencias hospitalarias, que implica a sobrecarga deste último.

A solución pasa por estructurar, adaptar a oferta aos medios dispoñibles e dotar adecuadamente en recursos humanos á Atención Primaria, para que esta poida dar unha atención de calidade.

A Atención Primaria leva sufrindo unha enfermidade crónica, que só recibiu tratamento sintomático, está a recibir coidados paliativos e, de pésima calidade. O tratamento curativo existe.

 

 

A Comisión de Centro do CHUAC

Esta Comisión leva anos denunciando que os hospitais que conforman o CHUAC teñen un déficit histórico de persoal respecto do “ratio” de profesional/paciente. A pandemia o que fixo foi evidenciar esta situación de precariedade, cunha carga de traballo que para as/os profesionais xa semella imposible de asumir.

O Servizo de Urxencias do HUAC vive nunha saturación permanente. A Xerencia ten “normalizado” que os corredores estean ateigados de pacientes en espera dunha cama de hospitalización, este feito non solo é denigrante para eles senón tamén para as/os profesionais que alí traballan, xa que teñen que dar asistencia nunhas condicións onde non se pode garantir o dereito á intimidade nin a calidade asistencial que se presta a/o paciente.

A isto último hai que sumar que éstes corredores, en moitas ocasións, aténdense cas/os mesmos profesionais do Servizo de Urxencias, é dicir, non se conta con mais persoal para estas ubicacións, o que supón unha sobrecarga adicional para o persoal que traballa no servizo. Tras varias semanas de mobilizacións, a resposta da Xerencia é nula, e as/os profesionais continúan dicindo que XA NON PODEN MAIS!.

As unidades de críticos (UCIs e Reas) do CHUAC, durante a pandemia, tamén tocaron fondo. Tras o esforzo realizado en todas as “ondas”, fixeron unha serie de mobilizacións para esixir: incremento de persoal, organización dos recursos, formación, cobertura das ausencias, retribución das xornadas realizadas fora do horario de traballo....etc. A Xerencia comprometeuse coas unidades de críticos en achegar solucións mais novamente isto non aconteceu e a realidade é que non houbo ningún cambio nas condicións de traballo destas/es compañeiras/os que seguen a traballar nunhas condicións moi duras.

Recentemente as/os traballadoras/es do bloque cirúrxico tamén iniciaron un calendario de mobilizacións por diversa problemática como: mobilización dos equipos de enfermería destinados as cirurxías urxentes, déficit de persoal, falta de cobertura das ausencias....

Todas as unidades de hospitalización do Complexo (Abente e Lago, Materno-Infantil, Oza e HUAC) así coma os servizos centrais (laboratorio, farmacia, raios, lavandería, cociña...etc) tamén sofren esta situación de colapso permanente, desorganización e sobrecarga continuada. Con cada “onda covid” tiveron que adaptarse a cambios continuos, desorganización e ordes equívocas por parte da Xerencia, sobrecarga...

O persoal do CHUAC, con un déficit histórico de persoal que afecta a tódalas categorías, fixo un esforzo durante a pandemia, renunciando as libranzas, dobrando quendas de traballo....etc; para poder atender as/os pacientes da área sanitaria.

As/os profesionais antepuxeron a atención sanitaria á conciliación da vida familiar e persoal. A día de hoxe o persoal aínda non puido nin sequera “recuperar” as súas libranzas, continúan a serlles denegadas; a Xerencia escúdase no “ déficit de profesionais”; mais na realidade tampouco existe unha organización dos recursos existentes que poida paliar isto. O persoal temporal, lonxe de mellorar a súa estabilidade, continua a vivir en precario, con contratos fraccionados, con chamadas de xa para xa; o que non permite conciliar, nin sequera descansar.

 

E imprescindible que todo o personal teña unhas condicións de traballo dignas, que preserven a saúde das/os profesionais e garantan unha asistencia pública e de calidade.