A reforma laboral segue a mellorar a calidade do emprego, pero é necesario tratar os temas pendentes
É urxente tratar temas como o paro de longa duración ou o custo do despedimento
Fecha: 13 Mar 2024
As cifras do paro rexistrado do mes de febreiro publicadas polo Servizo Público de Emprego (SEPE), amosan un descenso de 410 persoas desempregadas con respecto ao mes anterior. Con respecto ao ano anterior, o paro baixou en 5.808 persoas, ata alcanzar un total de 52.153 . Pola súa banda, a afiliación á Seguridade Social aumentou en 2.788 persoas, alcanzando as 458.571 persoas afiliadas.
Estes datos son o reflexo dun mercado laboral forte e resistente, cuns empregos estables, cada vez máis baseados en contratos indefinidos, o que implica a configuración dunhas relacións laborais má sólidas, cunha maior capacidade de resistencia ante contextos adversos.
O peso do contrato indefinido segue a manter valores elevados, concretamente do 39% para este mes.
Asuntos pendentes
Un dos aspectos do mercado laboral a mellorar é o paro de longa duración que afecta, en termos estatais, ao 40,3% das persoas desempregadas. Isto supón que catro de cada dez persoas en paro levan máis dun ano buscando emprego; unha porcentaxe que se sitúa no 25,4% para as persoas que levan 2 ou máis anos en busca de emprego, é dicir, unha cuarta parte do total. Unha realidade que pon de manifesto a ineficacia das actuais políticas activas de emprego, xa que non son útiles para mellorar a inserción das persoas que teñen máis dificultades para atopar emprego. Algo que a actual Lei de Emprego, aprobada sen consenso social, parece que non está solucionando, xa que non contempla os medios necesarios para desenvolver servizos de emprego eficaces, especialmente os relacionados coa orientación profesional.
Aínda quedan temas pendentes por completar na reforma laboral, como a modificación das causas e custo do despedimento, necesario para dotar de real estabilidade a todo o emprego indefinido que se está creando, cunha indemnización por despedimento que realmente teña carácter disuasorio e compensatorio. Isto acabaría promovendo outras vías alternativas de axuste ao despedimento, baseadas na flexibilidade interna, menos traumáticas tanto para a persoa traballadora como para a empresa; proporcionando á súa vez unha maior estabilidade e seguridade ás relacións laborais, moi necesarias para afrontar os retos futuros da economía.
Datos principais na Provincia da Coruña
- En febreiro rexistráronse un total de 52.153 persoas en situación de desemprego, 410 persoas menos que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 5.808 persoas (- 10,02%).
- Neste mes hai 182 homes e 228 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a xaneiro. En termos anuais, o paro feminino baixou en 3.556 mulleres e o masculino en 2.252 homes. As mulleres representan o 58,22% das persoas desempregadas.
- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 2.105 en febreiro , o que supón un aumento de 77 persoas máis desempregadas que en xaneiro. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos diminuiu en 217 menores de 25 anos desempregados menos.
- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de parados rexistrados aumenta en febreiro en 161 persoas; chegando a un total de 4.183 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento do 4%, o que supón 178 persoas estranxeiras desempregadas máis.
- A información por sectores amosa unha diminución de 410 persoas paradas. Se produce un aumento de 5 persoas na agro e 107 no colectivo sen emprego anterior, e unha diminución nos sectores da industria en 122 persoas paradas, 91 persoas no sector da construción e de 309 no sector servizos.
- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta en 2,788 persoas en febreiro, ata alcanzar unha media de 458.571 persoas afiliadas.
- O número de contratos totais foi de 21.319, dos cales 8.260 foron de carácter indefinido.
- O volume de contratos aumenta en termos anuais nun 5,33%, os temporais fano nun 7,80% e os indefinidos nun 1,64 %. O peso das persoas traballadoras fixas de febreiro sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 38,77%.