O Tribunal Supremo desbloquea as indemnizacións dos ex traballadores de Alu Ibérica
Fecha: 10 Xul 2023
A Sala do Social do Tribunal Supremo (TS) ven de desestimar as demandas interpostas por 17 antiguos traballadores de Alcoa contra o auto de outubro de 2019 ditado pola Audiencia Nacional para a homologación do acordo extraxudicial alcanzado entre a empresa e UGT, xunto cos outros sindicatos, relativo ao despedimento colectivo, do ano 2019. Neste acordo están previstas indemnizacións polos devanditos despedimentos que agora quedarán desbloqueadas.
Os demandantes solicitaban a nulidade do auto de homologación do acordo transaccional asinado entre sindicatos e empresa porque entendían que había dolo e mala fe por supoñer un prexuízo e discriminación para eles ao quedar excluídos.
Non obstante, o Tribunal Supremo deixa claro que a relación laboral destes 17 ex traballadores non rematou por iniciativa da empresa no contexto da extinción colectiva de contratos de traballo. De feito, nove deles extinguiron a relación laboral de xeito voluntario, catro accederon a unha excedencia voluntaria e outros catro estaban en situación de incapacidade temporal sen reserva de posto.
É dicir, a causa extintiva nestes casos é distinta da que se explicita nos acordos que afectan aos ex traballadores da planta de A Coruña e da de Avilés.
O acordo contemplaba tamén un plan de recolocación externa que hai que cumprir
Isto supón que, agora, xa hai vía libre para executar as indemnizacións e dende UGT lémbrase que, ademais destas, no devandito acordo, xa ratificado no seu momento pola Sala do social da Audiencia Nacional e agora polo Tribunal Supremo, contemplábase, ademais das extincións
contractuais por causas obxectivas, un plan de recolocación externa que hai que cumprir.