O persoal de Applus Norcontrol mobilízanse por un convenio xusto e polo seu futuro laboral
Fecha: 11 Mar 2026
O Comité de empresa de APPLUS NORCONTROL denuncia publicamente a insuficiente proposta empresarial no contexto da negociación do convenio.
Os traballadores e traballadoras esixen unha nova estrutura de táboas salariais que evite que os niveis inferiores sexan absorbidos sistematicamente polo SMI e que permita manter as diferenzas salariais entre as distintas categorías profesionais.
Ademais demandan a recuperación do poder adquisitivo e que os complementos salariais non sexan nin compensables nin absorbibles.
En canto ás dietas e gastos de desprazamento, pídese que se actualicen e que sexan suficientes para cubrir os custos reais.
A definición clara das categorías profesionais que garanta a ubicación das persoas que conforman as plantillas segundo as tarefas que desempeñan é outra das demandas que se poñen enriba da mesa.
Xa nun eido máis social, reclámase a creación dun novo permiso de horas para acudir a citas médicas e medidas de conciliación.
A día de hoxe, os traballadores e traballadoras de Applus Norcontrol denuncian unha situación de incerteza e, por iso, tomaron a decisión de abrir un calendario de mobilizacións. Así, o pasado mércores concentráronse nos centros que esta empresa ten en Sada, Vigo e Ourense.