Os accidentes laborais acabaron coa vida de 114 persoas (5 en Coruña) entre xaneiro e febreiro
Fecha: 14 Abr 2023
Segundo os datos estatísticos de avance facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ao mes de febreiro de 2023, producíronse 174.628 accidentes de traballo. Destes, 92.212 accidentes laborais causaron a baixa laboral do traballador (aumentando este dato nun 1,8%) e 82.416 non produciron incapacidade temporal (experimentando un aumento do 5,9%).114 accidentes acabaron coa morte da persoa traballadora.
En febreiro de 2023 apréciase un lixeiro aumento dos accidentes con baixa do 1,8%, pola contra, os accidentes mortais descenden nun 16,2% ata os 114. A pesar deste descenso dos accidentes mortais, desde UGT consideramos que 114 mortes de persoas traballadoras en dous meses supoñen unha cifra elevadísima que confirma que á xestión da prevención de riscos laborais non se lle está dando a importancia que se merece.
Mención especial requiren as mortes por infartos e derrames cerebrais, que alcanzaron as 46, e que continúan sendo a primeira causa de morte no traballo. Desde UGT, volvemos insistir na posible relación destas mortes coa exposición a riscos psicosociais de orixe laboral. Os problemas de saúde mental entre a poboación traballadora non son atendidos desde a perspectiva da saúde laboral. Os riscos psicosociais son os peor xestionados nas empresas xa que en moitas ocasións nin se avalían, nin se aplican medidas preventivas para evitalos. Ademais, as patoloxías derivadas da exposición a este tipo de risco, por regra xeral, non se consideran como continxencias profesionais, polo que apenas se declaran .
Os sobreesforzos sobre o sistema musculo esquelético continúan sendo a primeira causa de baixa laboral por accidente de traballo, con 25.682 casos rexistrados durante dous meses. É momento de actuar e empezar a tomar medidas para abordar o enorme oproblema que supoñen os trastornos musculoesqueléticos na saúde da poboación traballadora.
O cumprimento da normativa en materia preventiva por parte das empresas é máis formal que real, o que indica que non existe unha verdadeira cultura preventiva. No mes no que conmemoramos o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, o próximo 28 de abril, seguimos lamentando as mortes e os accidentes de traballo, por tanto, debemos seguir traballando para alcanzar traballos dignos e libres de riscos laborais.
A seguridade e a saúde no traballo é un dereito fundamental que ten que ser real e efectivo, polo que, desde UGT instamos ao Goberno a iniciar as negociacións na mesa de diálogo social en materia de sinistralidade laboral que se anunciou na firma da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, para acordar medidas urxentes que poñan fin a esta situación.