Mellores salarios, reforzo dos servizos públicos, máis seguridade laboral, vivenda digna e paz
Miles de persoas mobilizáronse neste Primeiro de Maio
Fecha: 04 Mai 2026
Este Primeiro de Maio está contextualizado nun momento complexo, un contexto internacional marcado pola inestabilidade, a guerra e o cuestionamento do dereito internacional. Por dito motivo, a sociedade saiu ás rúas a reclamar unha mellora das condicións laborais e sociais, demandou paz e respecto ao dereito internacional, así como un compromiso na defensa dos dereitos humanos.
Reclamáronse melloras para que as familias poidan chegar a fin de mes, mellores salarios (reparto da riqueza e continuar coa suba do SMI), máis democracia e máis e mellor estado de benestar. Ademais, apostouse por reclamar a redución do tempo de traballo, unha redución que debe ir acompañada dun control horario dixital para evitar as horas extraordinarias non recoñecidas.
Neste Primeiro de Maio tamén se demanda un cambio das políticas de prevención de riscos laborais e coidado da saúde porque as vixentes xa non dan resposta ao mercado laboral actual. Urxe que se aceleren os trámites parlamentarios para ratificar a modificación da Lei de Prevención de Riscos Laborais recentemente aprobada no Consello de Ministros. Porque a lexislación xa non atalla ás circunstancias produtivas, sociais, medioambientais e laborais actuais.É imprescindible, mediante a negociación colectiva, facer unha análise da situación e traballar na procura de solucións.
A cidadanía tamén berrou pola mellora e necesidade de reforzar os servizos públicos, educación, sanidade ou dependencia, e por atallar o que xa se converteu nun problema de país e que afecta a milleiros de traballadores e traballadoras, as dificultades para acceder a unha vivenda digna. Neste senso, urxe un pacto político e social e unha intervención pública decidida porque sen vivenda non hai proxecto de vida. E sen proxecto de vida non hai cohesión e democracia.