A Reforma Laboral é un punto de inflexión na calidade de vida
Fecha: 05 Xuñ 2023
Os datos de paro rexistrado publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE) mostran un novo descenso do desemprego no mes de maio, concretamente de 1.966 persoas con respecto a abril. Tras varios meses consecutivos de caída, o número total de persoas desempregadas sitúase en 54.119. Con respecto ao ano anterior, o paro tamén se reduciu en 3.730 persoas.
Un mes máis, a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores sinala que os datos de contratación confirman o punto de inflexión que supuxo a reforma laboral na calidade de vida das persoas traballadoras. O número de contratos indefinidos elévase en maio en 8.952 contratos, supoñendo o 32,97% do total de contratos rexistrados, que ascende este mes a 27.151.
Para UGT Coruña e Cee, é indubidable o impacto positivo que está a ter a reforma laboral para as relacións laborais do noso país, introducindo os incentivos necesarios para acabar coa fraudulenta temporalidade que implicaba a concatenación de contratos de moi curta duración e reducindo a inestabilidade laboral que sufrían miles de persoas nos seus postos de traballo. Agora que o contrato indefinido converteuse na modalidade de referencia para a contratación, é o momento de ampliar as súas garantías e continuar protexendo os dereitos das persoas traballadoras, acabando de rematar aquelas cuestións que quedaron sen resolver, como a reforma das causas e o custo do despedimento.
Tendo en conta o contexto actual, UGT ten claro que o benestar da poboación traballadora non pode depender dos vaivéns electorais. Por iso, o sindicato insta aos poderes públicos a que sigan traballando na mellora da xustiza social, pois é evidente que as políticas levadas a cabo ata o de agora demostraron ser amplamente eficaces impulsando a recuperación da economía e o progreso social grazas á creación de emprego digno e de calidade.
Datos principais
- En maio rexistráronse un total de 54.119 persoas en situación de desemprego, 1.966 persoas menos que o mes pasado. En termos anuais, o paro baixou en 3.730 persoas (- 6,89%).
- Neste mes hai 1.030 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a abril, e 936 homes menos. En termos anuais, o paro feminino baixou en 1.934 mulleres e o masculino en 1.796 homes. As mulleres representan o 58,89% das persoas desempregadas.
- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 2.040 en maio, o que supón un descenso de 186 persoas menos desempregadas que en abril. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos descendeu un 8,57 % (175 mozos desempregados menos).
- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de parados rexistrados descende en maio en 120 persoas; chegando a un total de 3.847 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento do 4,6 %, o que supón 177 persoas estranxeiras desempregadas máis.
- Respecto ao mes anterior, a información por sectores amosa un descenso de 1.966 persoas paradas, 1.460 persoas no sector servizos, 219 persoas na industria, 161 persoas no sector da construción, no agro 36 persoas e no colectivo sen emprego anterior en 90 persoas.
- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumentou en 3.492 persoas en marzo, ata alcanzar unha media de 458.426 afiliados.
- O volume de contratos totais diminúe en termos anuais nun 10,18%, os temporais fano nun 4,45 % e os indefinidos nun 19,93%. O peso dos traballadores fixos de maio sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 32,97%.