Os salarios deberán medrar segundo o disposto na V AENC
Hai que limitar os beneficios que obtén unha parte do tecido empresarial, garantindo prezos asequibles e xustos para a clase traballadora.
Fecha: 11 Ago 2023
Os datos do IPC de xullo, publicados hoxe polo INE, sitúan a inflación anual en Galicia no 2,1%, 6 décimas superior á do mes anterior, en datos estatais a inflación está no 2,3%, 4 décimas máis que en xuño. Esta lixeira suba dos prezos rompe coa senda de moderación observada nos últimos meses, como consecuencia da perda de forza do efecto desconto nos prezos da enerxía. Así, prevese que a taxa xeral de prezos aumente progresivamente no segundo semestre do ano.
A comida, 16 meses consecutivos encarecendose en máis dun 10% anual
Pola súa banda, a taxa subxacente, que inclúe a inflación do compoñente estrutural, aumentou 3 décimas con respecto ao mes anterior, ata alcanzar unha variación anual do 6,2%, é dicir, 3,9 puntos máis que a taxa xeral. Esta brecha demostra como as empresas trasladaron as presións inflacionistas a outros produtos básicos, como os alimentos, que se encareceron máis dun 10% anual durante 16 meses consecutivos. Neste sentido, durante o mes de xullo destaca o incremento anual dos prezos dos seguintes produtos: azucre (44,2%), aceite de oliva (38,8%), patacas (22,9%) e arroz (22%).
Estes datos amosan a falta de competencia en sectores clave como a distribución alimentaria, onde uns poucos supermercados teñen potencia suficiente para manter prezos elevados en detrimento do interese xeral. Por iso, como xa se fixo no sector enerxético a través da excepción ibérica, cómpre despregar medidas que limiten os beneficios obtidos por unha parte do tecido empresarial, garantindo prezos asequibles e xustos para a clase traballadora.
Por outra banda, hai que seguir influíndo no crecemento salarial, fundamental tanto para garantir a recuperación do poder adquisitivo das persoas traballadoras como para retroalimentar o proceso de creación de emprego e crecemento económico do noso país. Neste sentido, aínda que os salarios pactados no convenio aumentaron, de media, un 3,4% no que vai de ano, situándose por enriba da inflación xeral, aínda hai que avanzar ata acadar o avalado no V Convenio para o Emprego e a Negociación Colectiva ( AENC), que para este ano establece un incremento do 4% cunha cláusula de revisión dun 1% adicional.
Por último, dende UGT queremos denunciar a fracasada estratexia levada a cabo polo BCE, que o pasado 27 de xullo anunciou a novena suba dos tipos de interese dende que comezou a guerra de Ucraína. Así, co incremento de 25 puntos básicos acadase un valor do 4,25%, igualando a taxa rexistrada durante o estalido da crise financeira, en xullo de 2008. O continuo endurecemento da política monetaria non só está a resultar ineficaz para conter a inflación no zona euro, pero tamén supón un lastre para a actividade económica e pon en perigo os milleiros de fogares que non poden permitirse a suba excesiva dos prezos das hipotecas, que require a aprobación dun fondo de rescate para evitar unha nova vaga de desafiuzamentos no noso país.