Non debemos normalizar as mortes no traballo
As cifras seguen a ser alarmantes, hai que lembrar que detrás destas estatísticas hai persoas.
Fecha: 15 Out 2023
Segundo os datos estatísticos de avance facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ao mes de agosto de 2023, en España producíronse 763.813 accidentes laborais, dos que 389.105 provocaron a baixa laboral do traballador (o que supón un descenso do 0,9%), e rexistráronse 374.708 accidentes laborais sen baixa (un 1,8% máis, con respecto ao mesmo período de 2022). Ademais, rexistráronse 458 accidentes mortais, 90 menos con respecto aos datos anticipados dos oito primeiros meses de 2022, diminuíndo esta cifra nun 16,4%. Porén, 2 traballadores morren cada día en accidentes de traballo.
Na provincia da Coruña, producíronse un total de 8.171 accidentes de traballo con baixa, 7.450 en xornada e 721 en itínere. Destes 101 foron de graves e 18 mortais. O 88,89% dos accidentes mortais son producidos durante a xornada laboral. Con respecto ao mesmo período do ano anterior, o número de accidentes de traballo con baixa aumentan nun 7,9% ( 653 accidentes máis) e o número de mortes aumenta nun 5,5% (1 morte máis)
As cifras seguen a ser alarmantes, hai que lembrar que detrás destas estatísticas hai persoas. Non debemos normalizar as mortes no traballo.
Aumentan os accidentes laborais relacionados coa exposición a altas temperaturas
Ademais, as estatísticas reflicten como as altas temperaturas que se acadaron no noso país durante o verán afectan á seguridade e á saúde no traballo. Aumentaron os accidentes relacionados coa exposición a altas temperaturas, producíronse 194 accidentes por calor e insolación, dos cales 2 foron mortais e 84 por efectos de temperaturas extremas. Os primeiros aumentaron un 31% e os segundos un 5% menos con respecto ao mesmo período de 2022. É imprescindible negociar nas empresas protocolos para garantir a protección da seguridade e saúde das persoas traballadoras ante fenómenos meteorolóxicos extremos, tanto nos casos de exposición a altas temperaturas como nas condicións extremas que se poidan producir polo cambio climático.
UGT reitera a súa proposta de articular de xeito inmediato un Plan de Choque contra os Accidentes Laborais, o futuro Goberno ten que abrir unha Mesa de Diálogo Social sobre prevención de riscos laborais, onde se negocie o devandito Plan. Entre as materias que hai que incluír non poden faltar os riscos psicosociais, que están relacionados coa primeira causa de morte por accidentes laborais no noso país, que son os infartos e os ictus. A saúde mental das persoas traballadoras está a deteriorarse. Durante os oito primeiros meses do ano faleceron 169 traballadores por infartos ou ictus ocorridos durante a xornada laboral.
Así mesmo, reclamamos a creación dunha figura similar á do Delegado Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal. O que sen dúbida axudaría a mellorar a prevención de riscos laborais nas pequenas e medianas empresas do noso país que non teñen representación sindical.
Son precisos máis medios humanos e materiais na Inspección de Traballo, para controlar o cumprimento das normas, e na Fiscalía de Saúde Laboral, para investigar e determinar as competencias. Non podemos permitir que estas mortes queden impunes.