A igualdade real e efectiva das mulleres debe ser unha realidade urxente
Con motivo do 8 de marzo, UGT reclama políticas de emprego que fomenten a incorporación da muller ao traballo en condicións dignas e de calidade, con contratos a tempo completo de duración indefinida e nas mesmas condicións que os homes.
Fecha: 05 Mar 2024
As políticas de igualdade postas en marcha nos últimos anos, así como a reforma laboral ou o incremento do SMI, froito do Diálogo Social, están a contribuír á loita contra a desigualdade de xénero no traballo no noso país. En 2023 melloraron algúns dos indicadores de brechas de xénero no emprego, pero aínda queda moito por percorrer para conseguir unha igualdade real e efectiva.
Ademais, as tarefas de coidados familiares seguen sendo asumidas maioritariamente por mulleres; e segue a producirse un número moi elevado de casos de acoso sexual e de xénero no ámbito laboral, xa que en 2021 realizáronse 641 actuacións por este motivo, con 1.087 persoas afectadas.
Para UGT, estes datos amosan a realidade dun mercado laboral que aínda non é inclusivo nin igualitario para as mulleres. Por iso, é fundamental impulsar medidas de igualdade nos convenios colectivos e nos plans de igualdade, esixindo o cumprimento destes últimos nos termos esixidos pola lei; mellorar as políticas activas de emprego, dotándoas dunha perspectiva de xénero; dignificar algúns sectores, como o coidado, ocupados maioritariamente por mulleres; traspoñer en España, íntegra e sen máis dilación, a Directiva Europea 2019/1158 de conciliación da vida familiar e profesional dos proxenitores, que recolle importantes medidas como a retribución do permiso parental de oito semanas ou a modificación legal no noso país do permiso para coidados familiares para considelaro como un permiso laboral.
UGT considera igualmente importante incrementar o investimento para acadar uns servizos públicos de calidade, gratuítos e accesibles para a atención de menores, maiores ou persoas dependentes; reducir a xornada laboral para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade; protexer ás traballadoras do fogar, máis aínda coa entrada en vigor en España do Convenio 189 da OIT o 29 de febreiro; reforzar o principio de igualdade salarial por traballo de igual valor, que aínda non se cumpre en moitas empresas; ou combater a violencia machista no ámbito laboral, con protocolos contra o acoso sexual ou de xénero, entre outras cuestións.
Este 8 de marzo, como todos os días do ano, UGT reitera o seu compromiso, traballo e esforzo para que a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade e consiga unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria. A consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes é un obxectivo prioritario e un principio irrenunciable para a unión e para a democracia. A igualdade, ademais de ser un dereito fundamental e unha cuestión de xustiza, constitúe unha necesidade social e económica. É fundamental que as empresas en España sexan competitivas. Un modelo de competitividade baseado na calidade dos produtos e servizos non é posible sen unha igualdade real entre mulleres e homes no ámbito laboral. Coa loita de todos debe ser unha realidade canto antes.
Situación na Comarca da Coruña
- A participación da muller na comarca é do 49,7% do total, mellor que a do conxunto de Galicia, onde acada o 49%. A muller ten menor presenza que os homes no mercado laboral.
- Das 27.022 persoas desempregadas, o 58,7%, son mulleres. As cifras de desemprego, tanto nos homes coma nas mulleres que diminúen, pero dun xeito más acusado nos homes. O desemprego diminúe nun 6,4% no caso dos homes e nas mulleres nun o 6,2%.
- Do total de desemprego de longa duración o 61,1% son mulleres. Hai máis mulleres desempregadas e ademáis teñen maior dificultade para saír desta situación
- A maioría dos contratos realizados tanto a homes como a mulleres foron temporais, pero hai unha mellora considerable na contratación indefinida grazas a reforma laboral do ano 2022. Do total dos contratos realizados o 49,2% foron asinados por mulleres.
- A porcentaxe de contratación indefinida nas mulleres pasa do 10,4% en 2021 ao 31,5% en 2023.
- Do total de contratos realizados a mulleres un 45,1% foron a tempo parcial, maior peso que no caso masculino, onde se realizaron un 26,6% a tempo parcial.
- Na comarca houbo 61.700 mulleres pensionistas da Seguridade Social, o que implica o 51,5% do total. A contía media das pensións das mulleres ascende a 988,57 euros mensuais, fronte ao 1.307,97 euros dos homes: 319,39 euros ao mes de diferenza, o que supón que a brecha de xénero neste caso é do 24,4%. A discriminación dáse tamén nas pensións, e de xeito alarmante. Hai unha forte brecha de xénero nas pensións, clara consecuencia das desiguais vidas laborais de homes e mulleres.
Situación na Comarca de Cee
- A participación da muller na comarca é do 46,7% do total, inferior que a do conxunto de Galicia, onde acada o 49%. En ambos contextos a muller ten menor presenza que os homes no mercado laboral.
- Das 2.369 persoas desempregadas,o 61,5% son mulleres. Existe unha mellora das cifras de desemprego tanto nos homes coma nas mulleres, pero dun xeito más acusado nos homes. O desemprego diminúe nun 11,8% no caso dos homes e nas mulleres nun 10,9%.
- Do total de desemprego de longa duración o 63% o padecen as mulleres. Non só hai máis mulleres desempregadas, senón que ademais teñen maior dificultade para saír desta situación.
- A maioría dos contratos realizados tanto homes como a mulleres foron temporais, pero hai unha mellora considerable na contratación indefinida grazas a reforma laboral do ano 2022. Do total dos contratos realizados o 52% foron asinados por mulleres.
- A porcentaxe de contratación indefinida nas mulleres pasa do 8,6% en 2021 ao 26,8% en 2023.
- Do total de contratos realizados a mulleres un 33,5% foron a tempo parcial, maior peso que no caso masculino, onde se realizaron un 14,5% a tempo parcial.
- Na comarca houbo 8.544 mulleres pensionistas da Seguridade Social, o que implica o 48,6% do total. A contía media das pensións das mulleres ascende a 740,12 euros mensuais, fronte aos 970,93 euros dos homes: 230,80 euros ao mes de diferenza, o que supón que a brecha de xénero neste caso é do 23,8%. A discriminación dáse tamén nas pensións, e de xeito alarmante. Hai unha forte brecha de xénero nas pensións, clara consecuencia das desiguais vidas laborais de homes e mulleres.
› Informe da situación sociolaboral da muller nas Comarcas da Coruña e Cee
› Informe da situación sociolaboral da muller en Galicia
› Informe de UGT: 'Objetivo Igualdad. No es solo cosa nuestra: corresponsabilidad'