Do 28 de novembro ao 31 de decembro, as mulleres galegas traballan de balde

Por cada euro que gaña un home en Galicia, unha muller gaña 90,7 céntimos

No conxunto da Unión Europea por cada euro que gaña un home, unha muller ingresa 87 céntimos. España a situación mellora, por cada euro que gaña un home a muller ingresa 91,1 céntimos, pero en Galicia a diferencia aumenta, xa que as mulleres ingresan 90,7 céntimos.  É dicir na Unión Europea, a fenda é dun 12,7%, en España 8,9% e en Galicia dun 9,3%.

Por iso, a Comisión Europea celebrou este ano o 15 de novembro o Día da Igualdade Retributiva como un día simbólico para concienciar sobre o feito de que as traballadoras en Europa "traballan gratis" dende esa data ata finais de ano.

España súmase un ano máis a esta iniciativa en relación á brecha salarial que sofren as traballadoras españolas. No noso caso, celebramos este día o 29 de novembro xa que, de media, as mulleres españolas cobran un 8,9% menos que os homes en salario/hora, o que supón que as mulleres traballan gratis os 32,48 días ao ano. Non debemos esquecer que as mulleres galegas cobran un 9,3% menos que os homes, o que supón que traballan gratis 34 días ao ano (dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro).

A reducción da brecha é consecuencia das medidas tomadas nos últimos anos

UGT destaca que o noso país ocupa o sétimo lugar da Europa dos 27 coas diferenzas salariais máis baixas debido ás políticas españolas en materia de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

O sindicato lembra que medidas como as sucesivas subas do Salario Mínimo Interprofesional, que afectan especialmente ás mulleres, ou a obrigatoriedade dos Plans de Igualdade e dos rexistros salariais desagregados por sexo, destinados a detectar discriminacións, tamén provocaron unha redución da brecha salarial.

Directiva Europea de Igualdade Retributiva

No contexto europeo, o gran avance foi a aprobación da Directiva (UE) 2023/970 do Parlamento Europeo e do Consello, do 10 de maio de 2023, que reforza a aplicación do principio de igualdade salarial entre homes e mulleres para o mesmo posto de traballo ou traballo de igual valor mediante medidas de transparencia retributiva e mecanismos de cumprimento.

UGT confía en que esta directiva se traslade á normativa española antes de maio de 2026 xa que aumenta as obrigas das empresas europeas en materia de igualdade salarial entre mulleres e homes por traballo de igual valor.

 

Datos de Galicia elaborados a partir da Enquisa anual de Estrutura Salarial (2021) do INE e datos estatais elaborados a partir da EUROSTAT 2023.

Informe Galicia Eu Traballo Gratis

Informe España Yo Trabajo Gratis