En 2024 hai que abordar as deficiencias persistentes no mercado laboral
UGT destaca que a reforma laboral consolidou o emprego estable, fronte á temporalidade, pero é necesario seguir mellorando o mercado laboral: actuando contra o subemprego e reforzando as políticas activas de emprego.
Fecha: 10 Xan 2024
Os datos de paro rexistrado do mes de decembro, publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE), amosan unha evolución positiva do mercado laboral en consonancia co incremento da actividade propio do período de Nadal.
Así, neste mes de decembro o paro rexistrado reduciuse, na nosa provincia, en 566 persoas con respecto ao mes anterior, rematando o ano nun total de 51.867 persoas. Pola súa banda, a afiliación diminúe en 726 persoas ata alcanzar os 460.815 persoas afiliadas á Seguridade Social.
En termos estatais, o ano remata con 130.197 persoas menos no paro e 539.740 máis afiliados, o que demostra que o mercado laboral segue a manterse forte e dinámico a pesar do incerto contexto económico e político no que se desenvolveu este ano a economía española.
Ademais, neste mes de decembro tamén se remata un ano máis de aplicación da reforma laboral de 2021. Despois de dous anos desde a súa entrada en vigor, vese con máis claridade que o avance en calidade e estabilidade do emprego non foi algo puntuais, produto das primeiras adaptacións das empresas á nova normativa, senon que vanse facendo estruturais, manténdose no tempo.
Para UGT, esta reforma demostrou que unha mellora das condicións nas que se desenvolven os postos de traballo e da estabilidade do mercado laboral, ademais de proporcionar unha mellor calidade de vida ás persoas traballadoras, tamén se traduce nunha maior fortaleza e maior capacidade da economía para afrontar posibles adversidades. Algo que supón un aliciente para seguir afondando e corrixindo as carencias que aínda persisten no mercado laboral, sobre todo agora que algunhas organizacións, como a OCDE, rebaixaron as perspectivas de crecemento da economía española para o próximo ano.
Unha das principais deficiencias a corrixir é o subemprego, medido a través da parcialidade involuntaria, que ascende, en termos estatais, ao 47,9%. Isto significa que hai unha boa parte da poboación activa que está empregada a tempo parcial só porque non pode atopar un traballo a tempo completo. Algo que se traduce nun salario máis baixo, que na maioría dos casos está por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e que é un dos principais motivos polos que en España segue habendo un 11,6% de persoas traballadoras en risco de pobreza, o que se coñece como pobreza laboral ( ingresos inferiores ao 60% da mediana).
Para UGT é inadmisible que haxa xente que estea na pobreza aínda que teña traballo. É fundamental mellorar as condicións laborais en todos os postos de traballo, elevar as subas salariais para recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos e reformar os sistemas de protección social para apoiar a renda das familias máis vulnerables. Asemade, hai que ter en conta a situación das persoas desempregadas, especialmente as de maior duración, que son as máis propensas a caer nunha situación de exclusión social. Para iso é necesario revisar en profundidade as políticas activas de emprego actuais e mellorar os recursos dos que dispoñen os Servizos Públicos de Emprego, especialmente os destinados á orientación profesional, xa que é un elemento imprescindible para que as persoas poidan fuxir do paro coa maior celeridade posible, recibindo unha atención individualizada que lles proporcione o mellor conxunto de servizos posibles en cada situación.
Datos principais na Provincia da Coruña
- En decembro rexistráronse un total de 51.867 persoas en situación de desemprego, 566 persoas menos que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 5.248 persoas (- 9,19%).
- Neste mes hai 55 homes máis e 621 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a novembro. En termos anuais, o paro feminino baixou en 3.316 mulleres e o masculino en 1.932 homes. As mulleres representan o 57,87% das persoas desempregadas.
- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 2.172 en decembro, o que supón un descenso de 14 persoas menos desempregadas que en novembro. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos diminuiu en 16 mozos desempregados menos.
- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de parados rexistrados diminúe en decembro en 76 persoas; chegando a un total de 3.870 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento do 1,34%, o que supón 52 persoas estranxeiras desempregadas máis.
- A información por sectores amosa unha diminución de 566 persoas paradas. Se produce un aumento nos sectores: industria de 90 persoas paradas e 80 persoas no sector da construción; e no resto de sectores amosa un descenso de 15 persoas na agro, 598 no sector servizos e 123 no colectivo sen emprego anterior.
- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social diminue en 726 persoas en decembro, ata alcanzar unha media de 460.815 persoas afiliadas.
- O número de contratos totais foi de 21.016, dos cales 5.710 foron de carácter indefinido.
- O volume de contratos diminúe en termos anuais nun 9,92%, os temporais fano nun 8,25 % e os indefinidos nun 14,11 %. O peso das persoas traballadoras fixas de decembro sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 27,16%.