É urxente unha acción inmediata para poñer fin aos accidentes laborais
As empresas poden e deben evitar accidentes laborais protexendo ás persoas traballadoras
Fecha: 14 Feb 2025

Segundo os datos estatísticos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes a 2024, en España producíronse 1.179.202 accidentes laborais, dos que 628.300 provocaron a baixa da persoa traballadora. Tamén se rexistraron 552.902 accidentes laborais sen baixa. Durante 2024 rexistráronse 796 accidentes mortais, 75 máis que en 2023, co que se incrementa un 10,4% esta cifra.
Na nosa provincia, rexistráronse 13.138 accidentes de traballo con baixa, 27 menos que no 2023. Aínda que o número total de accidentes diminuiu, comprobamos que aumentaron os accidentes graves durante a xornada (33 máis que en 2023) e os accidentes in itinere (145 en total, dos cales 142 leves e 3 graves) e, diminuiron os accidentes mortais en xornada (2 menos que en 2023).
Datos do avance mensual do Mites para a provincia da Coruña de accidentes con baixa
Para UGT Coruña e Cee falar destos datos de sinistralidade laboral é unha mala noticia. Non podemos ignorar a lacra da sinistralidade laboral. É urxente unha acción inmediata para poñer fin a esta situación. As empresas poden e deben evitar accidentes laborais protexendo ás persoas traballadoras. Detrás de cada número hai un auténtico drama social de primeira magnitude e hai que poñer en primeiro plano político e social a sinistralidade laboral,ninguén debería morrer onde se vai gañar unha vida digna.
Esiximos un cambio normativo a fondo da Lei de Prevención de Riscos Laborais e da súa normativa de desenvolvemento, que debería acordarse na Mesa de Diálogo Social que se abriu hai un ano e que debería retomar de xeito urxente.
En UGT cremos necesario realizar cambios normativos para adaptar a lexislación en materia de prevención ás novas realidades do mundo laboral, así como mellorar a xestión preventiva e rematar coa comercialización dos servizos de prevención.
Por outra banda, a lei debe dotarse cunha perspectiva de xénero, promover a regulación da xestión preventiva dos riscos psicosociais buscando protexer a saúde mental dos traballadores e das traballadoras, promover o recoñecemento das patoloxías asociadas á exposición a estes riscos, lembrando que os infartos e ictus son a principal causa de accidentes laborais.
Tamén é necesario establecer garantías de cumprimento desta normativa. De pouco ou nada serve ter unha lei avanzada se non se garante o seu cumprimento por parte das empresas.
A este respecto, UGT propón que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sexan facultadas como "auxiliares ou colaboradores" da Inspección de Traballo no cumprimento preventivo, cando se detecten situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.
Ao mesmo tempo, seguimos reclamando un incremento dos medios humanos e materiais para que a Inspección de Traballo alcance a ratio dun inspector ou inspectora por cada 10.000 persoas traballadoras, deste xeito se pode incrementar o número de visitas ás empresas e así se pode controlar o cumprimento da normativa en materia de prevención.
Por último, seguimos reclamando a creación dunha figura similar á do Delegado Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a prevención de riscos laborais nas pemes do noso país que non teñen representación sindical. Ao mesmo tempo, esiximos que se conceda crédito horario aos delegados de prevención.