É urxente un plan de choque contra os accidentes laborais

As empresas seguen incumprindo a normativa en materia de prevención de riscos laborais

Segundo o avance de datos facilitados, para os primeiros 4 meses do ano, polo Ministerio de Traballo e economía social os accidentes laborais con baixa ocorridos durante a xornada laboral aumentaron un 5,3% e un 11,59% os producidos no camiño de ida e volta ao traballo. En conxunto, os accidentes laborais que provocaron a baixa laboral das persoas traballadoras aumentaron un 5,9%.

Son 5 as persoas falecidas durante o primeiro cuadrimestre do ano, 4 persoas menos que no mesmo período de 2023.

UGT lembra que son ben coñecidas as causas dos accidentes laborais mortais que se producen durante a xornada laboral: infartos, accidentes cerebrovasculares, accidentes de tráfico, atrapamentos, esmagamentos e amputacións son os que provocan un maior número de mortes de traballadores e traballadoras.

Isto demostra que as empresas seguen incumprindo a normativa en materia de prevención de riscos laborais ou que, se o cumpren, é só de xeito simbólico, co obxectivo de evitar multas.

En termos estatais, UGT tamén destaca o notable incremento do 33,3% dos accidentes mortais in itinere provocados por accidentes de tráfico e destaca que as empresas deben promover a seguridade viaria, negociando plans de mobilidade coa representación das persoas traballadoras, ou implantando medidas organizativas como a flexibilidade de entrada e saída ou o teletraballo , co fin de reducir a sinistralidade de tráfico entre o seu persoal.

Adoptar medidas urxentes dentro do Diálogo Social

O sindicato insiste na necesidade de elaborar un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral na Mesa de Diálogo Social e é fundamental negociar cambios normativos en materia de prevención de riscos laborais para adaptar a lei ás novas realidades do mundo do traballo, pero tamén, á luz das cifras, acordar medidas urxentes para frear esta lacra. Detrás dos datos estatísticos hai persoas que xa non volverán a casa e familias rotas.

Por iso, UGT demanda un incremento dos medios humanos e materiais para a Inspección de Traballo, co obxectivo de reforzar o control do cumprimento das normas preventivas e, mentres non se leve a cabo, propón fórmulas como habilitar as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo no cumprimento preventivo, cando se produzan situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.  

Ademais, o sindicato reclama a creación dunha figura similar á de Delegada/o Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, porque os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros, e a creación desta figura axudaría a mellorar a Prevención de Riscos Laborais nas pemes do noso país que non teñen representación sindical. Así mesmo, o sindicato propón que se lles recoñeza o crédito horario aos delegados de prevención.