É fundamental limitar as marxes empresariais
Os aumentos de prezos seguen presionando á poboación
Fecha: 13 Out 2023
Os datos do IPC de setembro, publicados hoxe polo INE, sitúan a inflación anual de Galicia no 3,7%, dez décimas máis que en agosto. A variación mensual do IPC (Índice de Precios ao Consumo) é do 0,1%, de forma que a inflación acumulada en 2023 é do 3%. A inflación anual na provincia da Coruña é do 3,9%, once décimas máis que en agosto, inflación máis acusada que en termos estatais, xa que os datos publicados hoxe polo INE, sitúan a inflación anual no 3,5%, nove décimas máis que en agosto.
Neste sentido, destaca unha vez máis o incremento dos prezos dos alimentos (+10,5% anual). En concreto, neste grupo, cabe destacar o incremento anual do prezo de produtos como o aceite de oliva (44,0%), o azucre (47,5%), a carne de porcino (13,4%) ou auga mineral, refrescos e zumes (14,2%).
Por todo isto, UGT Coruña e Cee esixe:
A implantación de medidas que favorezan a competencia naqueles mercados onde prevalezan as prácticas oligopólicas, limitando así o aumento desproporcionado das marxes empresariais e garantindo prezos xustos e asequibles para a maioría traballadora.
A aprobación de medidas excepcionais que axuden a combater o notable incremento do custo das hipotecas a tipo variable: como país non podemos permitirnos unha nova vaga de desafiuzamentos.
O mantemento de todas as medidas extraordinarias vixentes para reducir os recibos domésticos de luz e gas ou, se é o caso, a súa substitución por outras máis eficientes e xustas, ata que non se modere o prezo das materias primas que as alimentan (petróleo, gas) e se aclare a incerteza do panorama internacional agravada polo empeoramento do conflito en Oriente Medio. A retirada destas axudas, no contexto actual e coa chegada do inverno, provocaría unha situación dramática en milleiros de fogares de renda baixa e media.
Reforzar o crecemento salarial
Ademais, o sindicato reclama reforzar a senda do crecemento salarial. O V Convenio para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) xa está a xerar os efectos desexados: este ano asináronse 801 convenios cun incremento salarial medio do 4,3%, por riba da taxa media de inflación (3,6%), que permite a máis de 2,6 millóns de persoas traballadoras recuperar poder adquisitivo. Non obstante, aínda queda marxe suficiente para estender estes incrementos salariais a toda a poboación activa, xa que só así se poderá consolidar un modelo de crecemento robusto e equitativo.