Continúan as mobilizacións do persoal de seguridade das instalacións do Sergas

O 28 de xaneiro está prevista unha concentración fronte á Consellería en Santiago.

UGT esixe á Consellería de Sanidade e ao SERGAS que adopten medidas inmediatas, reais e efectivas para os e as vixiantes de seguridade das instalacións sanitarias públicas galegas.

Para UGT, as agresións, son a consecuencia directa da falta de decisións e de avances efectivos por parte da administración sanitaria, a pesar de que a situación fora advertida previamente.

UGT lembra que existiron reunións previas coa Consellería de Sanidade co obxectivo expreso de tentar activar un proceso de negociación sobre a seguridade nos centros sanitarios e as condicións nas que se presta o servizo de vixiancia na rede SERGAS.

A pesar deses encontros, devandito proceso quedou en paréntese, sen calendario, sen concreción e sen medidas aplicadas. Ante esta situación de bloqueo, e coa vontade expresa de reactivar as negociacións, UGT e USO rexistraron formalmente en outubro de 2025 varios escritos ante a propia Consellería de Sanidade, trasladando novamente as propostas xa expostas e solicitando retomar o diálogo de maneira efectiva.

Neses escritos, reclamaban, entre outras cuestións, a revisión e actualización dos protocolos de actuación
ante pacientes agresivos; a dotación de medios de autoprotección adecuados para o persoal de
seguridade; unha mellor coordinación entre seguridade privada e persoal sanitario; criterios homoxéneos en toda a rede SERGAS, evitando diferenzas entre centros; e a apertura dun marco de negociación sobre condicións laborais e retributivas, xunto a outras melloras substanciais na organización do servizo. 

A día de hoxe, non se produciron avances reais, salvo a posibilidade de estudar unha fórmula de protección xurídica para o persoal, unha cuestión que segue pendente de clarificar, sen concreción, sen calendario e sen garantías de aplicación.

Mentres tanto, non se adoptaron medidas efectivas en materia de medios, protocolos, reforzo de cadros de persoal nin melloras substanciais, manténdose a mesma situación de risco.

UGT insiste en que non se pode falar de seguridade sen abordar as condicións laborais, porque ambas cuestións están directamente relacionadas.

UGT rexeita que a Consellería de Sanidade tente derivar o problema exclusivamente á empresa adxudicataria do servizo. É a Administración sanitaria quen define os protocolos, limita os medios e establece o marco de actuación, amparándose en conceptos como a “contención cero” sen ofrecer alternativas reais, seguras e eficaces para protexer a traballadores e pacientes.

Ante esta situación, abriuse un calendario de mobilizacións que arrancou o día 22 de decembro no CHUAC, e que esta semana se repetiu o mércores fronte ao hospital provincial en Santiago. Xa o 28 de xaneiro está prevista unha concentración fronte á Consellería en Santiago.