Cómpre persistir no camiño da mellora cara a empregos mellor remunerados e con xornada razoable

Os datos de emprego e paro non son bos, pero a tendencia de mellora é incuestionable

Fecha: 07 Feb 2025

Na imaxe móstrase o interior dunha cociña. En primeiro plano, está unha muller cociñando cunha tixola, e no fondo, están dúas persoas preparando ingredientes. Na imaxe as tres persoas están de costas.

Publicáronse os datos de afiliación á Seguridade Social e paro rexistrado do mes de xaneiro e, como sempre acontece neste período, produciuse unha diminución do número de de persoas afiliadas e un aumento do paro como consecuencia do remate da tempada de nadal. 

Nesta ocasión, o número de persoas paradas rexistradas aumentou en 1.181 persoas con respecto ao mes anterior, chegando ata 47.946 persoas. En comparación co mesmo mes do ano pasado, o paro descendeu en 4.617 persoas. En canto á afiliación, o descenso mensual é de 5.267 persoas, co que o total de persoas afiliadas á Seguridade Social ascende a 465.929. En comparación con xaneiro de 2024, hai 10.146 persoas afiliadas máis, un 2,23% máis. 

En canto á contratación, xaneiro rexistrou un volume de contratación lixeiramente superior ao do mesmo mes do ano anterior. Así, neste primeiro mes asináronse un total de 22.349 contratos, 514 máis que en xaneiro de 2024. Son 2.511 menos que en xaneiro de 2021, antes da reforma. Deles, 7.840 son fixos, o que supón que o 35% dos contratos son fixos, mentres que antes da reforma esta cifra roldaba o 11% dos contratos.

Estas cifras son indicativas da maior estabilidade laboral introducida pola última reforma laboral, xa que hai menos contratos, pero estes son máis estables e de maior calidade, xa que se reducen os contratos temporais e se favorece a contratación indefinida.

A calidade do emprego, non obstante, non só depende das condicións de emprego, senón que tamén require salarios xustos e suficientes. Neste sentido, España segue sendo un país de baixos salarios, aínda que o importante incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos últimos anos mellorou esta situación. Para 2025, UGT e CCOO chegaron a un preacordo co Goberno para subir o SMI un 4,4%, 50 euros máis ao mes, de xeito que se fixará en 1.184 euros ao mes (con 14 pagas), que se aplicará con carácter retroactivo a partir do 1 de xaneiro. Este incremento debe repercutir agora integramente nas empresas, sen ser absorbido pola eliminación dos complementos salariais dos convenios. Con este incremento, o salario mínimo incrementarase nun 60% desde 2018, cun importante efecto positivo na redución da pobreza e a desigualdade.
Por outra banda, os traballos deben ser produtivos e realizarse nunha xornada razoable. Neste ámbito, a pesar de que a produtividade do traballo subiu de forma constante, a xornada máxima de traballo mantívose sen cambios durante máis de 40 anos. En 2025 é fundamental reducir a xornada laboral a 37,5 horas, como primeiro paso para acadar as 32 horas semanais. Ademais, para garantir o seu cumprimento, é fundamental implantar un rexistro horario que limite as horas extraordinarias, así como garantir o seu pagamento cun incremento do 25%, tal e como pediu UGT ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.

En definitiva, as cifras de emprego e paro deste mes non son boas, como ocorre en todos os xaneiros, pero a tendencia á mellora do emprego, tanto cuantitativa como cualitativamente, é incuestionable. Non obstante, aínda quedan moitas melloras estruturais por realizar, o que obriga a continuar na senda da mellora cara a postos de traballo mellor remunerados con xornada razoable, que permitan compatibilizar o traballo co coidado e o lecer, así como abordar o reforzo das políticas activas de emprego para reducir o paro de longa duración e mellorar a empregabilidade das persoas máis vulnerables.

Datos principais na Provincia da Coruña

- En xaneiro rexistráronse un total de 47.946 persoas en situación de desemprego, 1.181 persoas máis que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 4.617 persoas (-8,78%).

- Neste mes hai 319 homes e 862 mulleres máis rexistradas como paradas con respecto a decembro. En termos anuais, o paro feminino baixou en 2.854 mulleres e o masculino en 1.763 homes. As mulleres representan o 57,86 % das persoas desempregadas.

- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 1.977 en xaneiro, o que supón un aumento de 58 persoas menores de 25 anos desempregadas máis que en decembro. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos diminuiu en 51 menores de 25 anos desempregados menos.

- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de paradas rexistrados aumenta en xaneiro en 272 persoas; chegando a un total de 4.203 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase unha diminución de 788 persoas estranxeiras desempregadas menos.

- A información por sectores amosa un aumento de 1.181 persoas paradas. Se produce unha diminución de 16 persoas na industria e 29 no sector da construción; e pola contra, un aumento de 34 persoas no agro, 1139 persoas no sector servizos e 53 persoas no colectivo sen emprego anterior.

- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social diminúe en 5.267 persoas en xaneiro, ata alcanzar unha media de 465.929 persoas afiliadas.

- O número de contratos totais foi de 22.349, dos cales 7.840 foron de carácter indefinido.

- O peso das persoas traballadoras fixas de xaneiro sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 35%.