Ca mellora do emprego é precisa unha subida dos salarios

 

Os datos de paro do mes de maio publicados hoxe polos Servizos Públicos de Emprego (SEPE) mostran novamente unha evolución positiva do emprego, cunha porcentaxe de contratación indefinida que segue sendo moi elevada, e unha afiliación que mantén as súas taxas de crecemento anual. Uns datos moi valorables, consecuencia en gran medida da Reforma Laboral, que se enmarcan, con todo, nun contexto económico que reflicte dúas preocupacións crecentes: dun lado, a elevada inflación, que se situou nun 8,7% anual no mes de abril; e doutro, a incerteza derivada do conflito en Ucraína e da escaseza de subministracións e alimentos que xa está a xerar.

 

UGT Coruña e Cee destaca a influencia da reforma laboral no mantemento dun ritmo de creación de emprego tan elevado como o actual e, sobre todo, a mellora da súa calidade, que reforza mes tras mes a orientación da reforma consensuada. Neste mes, na provincia de A Coruña o 36,98% do total de contratos asinados foi de carácter indefinido (44,5% no resto do Estado e 38% en Galicia).

Así, a contratación indefinida aumenta en España un 313% en relación a hai un ano. Isto, ademais, débese non só a un forte aumento da contratación indefinida, senón ao descenso da contratación temporal, sobre todo daqueles contratos de menor duración, os máis precarios, tras a eliminación da figura dos contratos de obra e servizo o pasado 31 de marzo, que se viñan utilizando de maneira fraudulenta.

Para o sindicato, nun momento no que se segue creando emprego e onde existen uns niveis de inflación tan altos, é fundamental subir os salarios das persoas traballadoras. En abril de 2022, a media da subida salarial en convenio no que vai de ano alcanzaba o 2,4%, mentres que a media da taxa anual do IPC no mesmo período situábase no 8%, o que está a impactar moi negativamente nos petos dos traballadores e traballadoras e, en consecuencia, sobre o conxunto da economía.

A pesar de que se adoptaron medidas para paliar as tensións sobre os prezos enerxéticos, estas non foron todo o efectivas que se esperaba. A inflación segue desbocada, e a negativa da patronal para asinar un novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva xera unha indesexable situación de tensión nas empresas. Pero as persoas asalariadas non poden ser as que asuman as consecuencias desta crise, mentres as empresas aumentan as súas marxes sen parar. Por iso, UGT mobilizarase o 9 de xuño para lograr que a patronal acepte incluír as cláusulas de revisión salarial nos convenios colectivos e así protexer aos traballadores e traballadoras da perda de poder adquisitivo.

UGT esixe Políticas Activas de Emprego máis eficaces

Para UGT Coruña e Cee, queda moito camiño por percorrer para reconducir a precariedade laboral do mercado de traballo. Ademais, existen outros problemas estruturais que seguen sen atacarse adecuadamente, como sucede co desemprego de longa duración. Segundo os datos do primeiro trimestre da EPA hai 57.200 parados en Galicia que levan máis dun ano buscando emprego, practicamente a metade do total. O paro de longa duración trunca a vida laboral dun gran número de persoas, afundindo a capacidade de consumo e a calidade de vida de centos de miles de fogares, como reflicten estas cifras.

Por iso, o sindicato esixe unhas Políticas Activas de Emprego máis eficaces para adaptarse á realidade de cada persoa, que sexan capaces de solucionar os problemas de cada unha delas, para así lograr a reinserción laboral. En particular, UGT está a esixir que para a nova Lei de Emprego se estableza un proceso de avaliación destas políticas, así como unha mellora no financiamento para que sexa adecuada e suficiente, pero cuns criterios vinculantes para a súa aplicación en cada territorio.

Datos de interese

- Desemprego:

Na nosa provincia hai un total de 57.849 persoas en situación de desemprego. No Estado esta cifra é de 2.922.991 persoas.

O paro baixa no mes nun 2,55% en A Coruña, aínda que dun xeito máis acusado no Estado, nun 3,29%. En relación a hai un ano, o paro baixa o 12,83%, de novo, unha contracción menos acusada que no resto do Estado, onde a baixada é do 22,70%.

Do total de persoas en desemprego, 2.215 son menores de 25 anos.

Por sexos, as mulleres seguen a representar o 58,43% do total do desemprego rexistrado na nosa provincia, 33.805 mulleres, fronte a 24.044 homes.

Por sectores, no mes o desemprego cae en todos.

- Contratación:

En materia de contratación indefinida os datos son moi bos, cunha porcentaxe que chega ó 36.98%. No mes de maio realizáronse 30.227 contratos, dos cales 11.180 foron indenidos. En termos acumulados do 2022, firmáronse 145.762 contratos, dos cales 42.879 son indefinidos.

Dos contratos realizados na nosa provincia no mes de maio: 24.488 son do sector servicios, 1.444 no sector da construción, 3.490 na industria e 805 no sector da agricultura 

 

► Información do Ministerio de Traballo e Economía Social