As asembleas do persoal respaldan o preacordo en ambulancias, desconvocando así as xornadas de folga
Fecha: 19 Xul 2023
Na sede do Consello Galego de Relacións Laborais a patronal do sector de ambulancias de Galicia e UGT, xunto con CCOO, CIG e USO, chegaron o pasado día 18 a un preacordo para o convenio do sector que, posteriormente, o mércores, foi ratificado nas asembleas por maioría.
O texto terá unha vixencia de tres anos, dende o 2023 ata o 2025 e prevé unha suba salarial do 5% para o 2023; 4% para o 2024; e 4,25% para o 2025. Os salarios serán revisados con data de efectos do 1 de xaneiro de 2026 se o IPC acumulado 23-25 supera o incremento acumulado, garantindo unha mellora de poder adquisitivo no período de 2 puntos.
A paga de regularización aboarase por un importe de 1.200 euros brutos para un contrato a tempo completo se estivera de alta nos 12 meses do 2023 e a parte proporcional no caso contrario.
No traballo nocturno incrementarase ao 23% o valor da hora dende o 1 de xaneiro de 2024 e ao 25% no 2025. E isto sumado a unha redución da xornada anual de 24 horas para o 2025 no traballo nocturno.
A xornada anual quedará rebaixada en 8 horas no 2024 e 16 horas máis no 2025.Tamén se mellorarán os pluses de transporte e nas continxencias profesionais haberá un complemento da base reguladora dos 180 días anteriores. A partir dos 180 días de baixa increméntase ao 100%. Nas continxencias comúns o complemento será do 100% nas IT por embarazo.
Tamén se mellorán algúns permisos retribuídos, increméntanse os importes por domingos e festivos e por ter dispositivos de localización.
En termos de seguridade e saúde incorpórase o protocolo de prevención de agresións, inclúese un punto sobre a especial penosidade do sector, en especial en relación aos coeficientes redutores de xubilación, equipárase na redacción o tratamento de suspensión de contrato por lactación natural ao que existe por risco de embarazo, entre outras medidas.