Agora si. Gañamos dereitos
UGT e CCOO valoran o acordo alcanzado co Goberno e as organizacións empresariais.
Fecha: 23 Dec 2021
Atopámonos ante un acordo resultado da firmeza e a constancia. Firmeza e constancia fronte á imposición unilateral do 2012 dunha normativa que desequilibrou a regulación laboral de forma radical en contra das persoas traballadoras. Pero tamén visión, porque se buscou o acordo co fin de poder dar unha estabilidade xurídica aos dereitos dos traballadores e traballadoras deste país. Por primeira vez en democracia, acométese unha modificación do calado que supón este acordo, non a favor das pretensións da empresa, senón da clase traballadora. Aquí recuperamos dereitos. Lembremos que, das seis reformas laborais acometidas no século XXI, só unha o foi por consenso, a de 2006, -e tres delas, 2002, 2010 e 2012- motivaron a convocatoria de folga xeral por parte das organizacións sindicais. Esta mirada retrospectiva, dá valor ao acordo alcanzado e tamén ao feito que sexa o primeiro en décadas de carácter tripartito.
As organizacións sindicais tiñamos tres grandes obxectivos: a recuperación da negociación colectiva, a loita contra a temporalidade e avanzar na estabilidade no emprego. Estes, ademais, eran coincidentes coas demandas feitas pola Unión Europea para o noso país no marco da recuperación económica e saída da crise. Nestes tres ámbitos, os avances son claros.
Son varios os logros para destacar: recupérase o equilibrio na negociación colectiva, co restablecemento da ultraactividade dos convenios, conquístanse dereitos e ponse no seu sitio ao convenio de empresa, impedíndolle a regulación a peor de aspectos clave como o salario ou a xornada. Vólvese a unha negociación colectiva articulada, coa definición normativa do ámbito de negociación colectiva estatal, territorial e de empresa, e garántese que a externalización a través da subcontratación se someta laboralmente ao convenio de referencia da actividade desenvolvida con independencia do obxecto social e forma xurídica da empresa, o que supón un importante golpe a fenómenos precarizadores como as empresas multiservizos.
No apartado da contratación fortalécese a figura do contrato indefinido e adóptanse medidas limitadoras da contratación temporal: concrétase a causalidade desta, simplifícase e acóutase a contratación temporal; desaparece o contrato de obra e servizos, restando só dous contratos temporais, un por causas estruturais e o formativo. E é que o contrato estrutural terá dúas posibles causas: a de circunstancias excepcionais da produción e a substitución temporal dun traballador ou traballadora. O máximo de duración dun contrato temporal pasa de catro anos a 12 meses. O contrato por circunstancias da produción será dun máximo de 6 meses, ampliable a 12 por convenio, coa posibilidade de facerse por 90 días para actividades estacionais previsibles, previa planificación, notificación á representación sindical no ano anterior, e sen posibilidade de encadeamento consecutivo. Polo demais, a temporalidade considerarase vínculo laboral indefinido cando se acumule un máximo de 18 meses de traballo en 24 meses totais -antes era 24 en 30- e o incumprimento da normativa da contratación laboral fará que a persoa traballadora sexa considerada indefinida. Co fin de garantir o cumprimento da norma efectúase unha modificación esencial: a infracción cométese por persoa afectada, o que aumenta de forma significativa o poder disuasorio da sanción administrativa promocionada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.
No terceiro ámbito da negociación, o dos mecanismos de axuste, incorpóranse ao Estatuto dos Traballadores os acordos e prácticas dos ERTE feitos durante a pandemia, coa intención de priorizar estes mecanismos en detrimento dos despedimentos colectivos, incorporando a realización de accións formativas e beneficios para as empresas e persoas desempregadas, vinculadas sempre ao mantemento do emprego. De forma significativa, tamén, desaparece a posibilidade de acometer despedimentos obxectivos colectivos nas administracións públicas.
Aínda que non se concretan as cifras, a pesar da insistencia sindical, o acordo tamén contempla a ampliación en persoas e medios da Inspección de Traballo.
Sen dúbida, quedan cuestións pendentes porque non foron abordadas nesta fase da negociación. Pero o acordo merece unha valoración moi positiva, sen deixar de afirmar a nosa vontade de seguir avanzando no marco do Diálogo Social para consolidar plenamente un emprego con dereitos e de calidade no noso país.