Acordo acadado no sector da limpeza
O cumplimento do acordo afecta a 12000 persoas traballadoras na provincia da Coruña.
Fecha: 22 Mai 2024
Na reunión mantida hoxe pola patronal do sector da limpeza, ASPEL e a Asociación Provincial de Empresas de Limpeza, cos sindicatos CIG e UGT, as Asociacións Empresariais comprometéronse a asinar o vindeiro martes 29 de maio a actualización das táboas salariais.
A conflitividade laboral remóntase a xaneiro deste ano, ante a negativa da patronal ASPEL a asinar a actualización de táboas derivada da aplicación da cláusula de actualización do Convenio Colectivo 2020-2023, que será do 9,8%.
Esta situación foi comunicada ao persoal na concentración celebrada hoxe ante El Corte Inglés na Coruña.
Coa sinatura do convenio o vindeiro martes, os sindicatos UGT e CIG desconvocarán as mobilizacións previstas para os vindeiros 29 de maio e 6 de xuño. Así mesmo, UGT e CIG retirarán o Conflito Colectivo interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O secretario xeral de FeSMC UGT, Juan Manuel Carreira, afirmou que "é de xustiza que os empresarios cumpran co acordado", "o sector da limpeza é un sector esencial para a sociedade, como quedou reflectido na pandemia e non é nin admisible nin aceptable que se padecese este abuso”, afirmou tamén que “o Convenio Colectivo rematou o 31 de decembro de 2023 e en breve reclamaremos ás patronais que negocien a súa renovación, unha vez aplicada a actualización das táboas salariais”.