Abai Coruña mobilízase ante a falta dun plan que garanta todos os postos de traballo

A subcontrata de Movistar levou a cabo en xuño de 2023 un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 50 traballadoras só no centro da Coruña.

Esta medida foi rexeitada polos sindicatos ao entender que non existían causas, a carga de traballo no campaña de Movistar, un dos principais clientes de Abai, non diminuíra, senón
todo o contrario e os criterios utilizados para escoller ás persoas afectadas foron absolutamente arbitrarios.

Durante os 9 meses que durou esta situación, a dirección da empresa non se tomou en serio as reubicacións. En ningún momento puxo en marcha novas campañas no centro da Coruña nin
permitiu as reincorporacións ao servizo de atención ó cliente de Movistar, a pesar de que as chamadas entran sen parar.

Unha vez transcorrido o tempo máximo do ERTE, as traballadoras incorporáronse de novo, pero sen un posto nun servizo concreto, e sen que se lles asigne carga de traballo, algo que o
Comité de empresa valora negativamente, “a dirección está a buscar escusas para destruír emprego pola porta de atrás”.

A falta de compromiso co futuro do centro da Coruña levou ao Comité de empresa a poñer en marcha accións de protesta. O Comité ten claro que a compañía de telecomunicacións está detrás de todo isto. Tamén sinala a responsabilidade social que debe de ter unha empresa que foi pública e que agora ten entre os seus accionistas ao Goberno do Estado español.

No calendario de mobilizacións inclúese unha xornada de folga de 24 horas o día 17 de abril cunha manifestación ás 19 horas que partirá do edificio Proa, situado no barrio de
Matogrande.

O 17 de abril o Comité e a Empresa sentaranse ante o servizo de mediación da Xunta de Galicia (AGA). O Comité resalta que os seus obxectivos son claros, Abai tense que comprometer a non
destruír un só posto de traballo, a respectar os dereitos laborais como o Plan Familia e asegurar a viabilidade do centro a través de campañas estables.