25N. Nin unha menos. Contra a violencia machista só si é si.
O sindicato reafirma o seu compromiso de loita contra a violencia machista en todos os ámbitos e a todos os niveis
Fecha: 15 Nov 2024
UGT manifesta a súa máis rotunda condena e rexeitamento á violencia machista, cuxas cifras, aínda que non reflicten toda a realidade, seguen a ser escandalosamente alarmantes e moi preocupantes ante o seu incremento.
1.284 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas dende o 1 de xaneiro de 2013 ata o día de hoxe. En 2023 foron 58 as mulleres asasinadas por este tipo de violencia, 9 máis que en 2022 e 2021. Neste ano, xa son 40 ás mulleres asasinadas, 4 delas en Galicia.
¿Qué amosan os diferentes rexistros?
Os datos son moi preocupantes, xa que existe un auxe de todas as formas de violencia machista e sobre todo, novas formas que xorden cada vez con máis rapidez e virulencia, levadas a cabo a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
- No Informe sobre delitos contra a liberdade sexual en España, elaborado polo Ministerio de Interior, comprobamos un aumento dos delitos contra a liberdade sexual investigados. Para o ano 2023, constan rexistrados 21.825 feitos, dos cales o 81% son agresión sexuais. Na provincia da Coruña, constan 383 feitos rexistrados un 23% máis que no ano anterior. Se analizamos o sexo das vitimizacións, amosa unha proporción onde casi 9 de cada 10 son mulleres.
- O Sistema de seguimento integral nos casos de Violencia de Xénero, elaborado polo Ministerio de Interior, amosa que a 31 de decembro, na Coruña, son 14.722 ás vítimas por Violencia de Xénero, casi 1.000 persoas máis que o ano anterior.
- O Informe anual sobre violencia de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial do 2023, indica que no Estado rexistráronse un total de 199.282 denuncias, un 9,46% máis que no 2022, e 193.521 mulleres vítimas de violencia de xénero, o que equivale a 530 mulleres vítimas de violencia de xénero cada día.
- Os datos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019, elaborada polo Ministerio de igualdade, amosan que do total de mulleres de 16 ou máis anos residentes en España, o 14,2 % sufriu violencia física e/ou sexual dalgunha parella, actual ou pasada, nalgún momento da súa vida e o 12% sufriron violencia económica. Das mulleres que sufriron acoso sexual ao longo da súa vida,o 98,2% afirma que o agresor ou agresores foron homes e o 17,3% nun entorno laboral.
- O “Macroestudio sobre Trata, explotación sexual y prostitución de mujeres: una aproximación cuantitativa”, elaborado polo Ministerio de Igualdade, estima que hai 114.576 mulleres en situación de prostitución. O 75% das vítimas de trata foron anunciadas en internet. Do total de anuncios analizados, o 94,5% corresponde a mulleres e un 1,58% a mulleres transexuais en situación de prostitución.
As múltiples manifestacións desta lacra social que conforman a violencia machista reflicten a brutalidade do patriarcado, que discrimina e somete ás mulleres polo feito de ser mulleres, considerándoas inferiores aos homes, chegando a asasinalas, como o exemplo máis extremo. do exercicio e mantemento do seu poder.
Os asasinos de mulleres, os maltratadores, os agresores e violadores sexuais, os explotadores de mulleres e todos aqueles que cometen actos de violencia machista deben ser castigados e expulsados da nosa sociedade.
Educar en igualdade, eliminar a discriminación das mulleres por razón de sexo en todos os ámbitos e niveis, facer realidade a igualdade de oportunidades, castigar con forza a estes delincuentes despreciables e protexer con eficacia e eficiencia ás vítimas é un obxectivo prioritario para o noso sindicato e debe ser para toda a cidadanía.
No lugar de traballo
O acoso sexual e o acoso machista ou de xénero son as principais manifestacións da violencia machista que se producen no ámbito laboral; unha conduta deplorable, ilegal e intolerable, moi estendida e altamente invisible.
Aínda que contamos con instrumentos específicos para combater este tipo de violencia, como son a Negociación Colectiva, os Protocolos para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo e outras condutas contra a liberdade sexual e os Plans de Igualdade nas empresas, a escasa concienciación social, o medo ás represalias no ámbito laboral e a dificultade da proba, fan que un gran número de casos de acoso sexual ou por razón de sexo non se denuncian. Á ausencia de denuncias súmase a falta de datos oficiais sobre este asunto, o que dificulta aínda máis a loita pola súa erradicación.
Avances importantes
A aprobación dos Convenios 189 e 190 da OIT por parte de España supuxo un gran paso para os dereitos das traballadoras do fogar e contra a violencia e o acoso de xénero. Isto foi posible grazas ao traballo sindical e ao diálogo social.
Outros avances como os dados coa Lei Orgánica de Garantía Integral con Violencia Sexual e a Estratexia Estatal de loita contra a violencia machista 2022-2025 (que permite planificar e ordenar actuacións no ámbito das políticas públicas contra a violencia machista, nas que colaboraron os sindicatos co Goberno), así como as negociacións para a aprobación dun novo Pacto de Estado contra a violencia machista, tamén foron posibles.
Agardamos que a aprobación da nova Directiva comunitaria de 2024 para previr e combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica tamén supoña un avance na loita pola eliminación da violencia machista.
Porén, e a pesar dos avances que se están facendo, a realidade da violencia machista demóstranos que estes avances non son suficientes e que cómpre adoptar novas medidas máis eficaces e contundentes contra ela.
UGT afirma:
- Que se poñan en marcha as medidas necesarias para facer efectiva a aplicación dos Convenios 189 e 190 da OIT.
- Que o Goberno desenvolva os instrumentos adecuados para a correcta aplicación do Convenio de Istambul (Convención sobre a prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica), así como para a transposición da Directiva 2024 de prevención e loita contra a violencia mulleres e violencia doméstica.
- No ámbito laboral, é fundamental mellorar as políticas activas de emprego das mulleres vítimas de violencia de xénero.
- Avanzar nos dereitos laborais e na protección social das vítimas de violencia machista, así como conseguir que poidamos dispor de datos estatísticos oficiais sobre a violencia machista no ámbito laboral (acoso sexual e acoso por razón de sexo).
- É necesario incluir a violencia económica de xénero na nosa normativa legal, incluíndo a súa clasificación no Código Penal, e o ciberacoso, entre outros comportamentos, seguindo as directrices do Convenio de Istambul e Directiva de 2024 para previr e combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica.
- A adopción dun novo Pacto de Estado, no que participemos activamente coas nosas propostas. Tamén debe ser un obxectivo prioritario mellorar e conseguir os recursos necesarios para combater a devandita violencia, así como actuar contra ela en todo o territorio español.
UGT é un sindicato feminista que loita e seguirá loitando con todas as súas forzas para acabar con esta lacra, que está do lado das mulleres e de todas as traballadoras deste país. Temos que seguir loitando contra a violencia machista dende o conxunto da sociedade, dende as institucións e no ámbito laboral en concreto, dende os centros de traballo, en todos os lugares onde estamos presentes para denunciar estas situacións, para acompañar ás vítimas e denunciar aos acosadores e asasinos.
Toda a sociedade debe mobilizarse e, especialmente, as persoas sindicalistas de UGT. Hoxe esta loita é, sen dúbida, unha prioridade para o noso sindicato.