21 persoas faleceron por accidentes laborais na provincia da Coruña
Cifras intolerables que reflicten o incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.
Fecha: 18 Dec 2023
Segundo os datos estatísticos de avance facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ata o mes de outubro de 2023, en España producíronse 1.000.050 accidentes laborais, dos cales 525.551 provocaron a baixa laboral do traballador e rexistráronse 474.499 accidentes laborais sen baixa.
Na nosa provincia, producíronse 11.110 accidentes de traballo con baixa, dos cales 10.099 foron durante a xornada e 1.011 en itínere. Do total, 132 foron graves e 21 mortais. O número de accidentes aumentou un 7% con respecto ao mesmo período do ano anterior, e o número de mortes, aumentou un 9.5%.
Son necesarios cambios normativos
Os datos amosan a necesidade urxente de modificacións normativas para adaptar a lexislación ás novas realidades do mundo laboral, mellorar a xestión preventiva e pór fin á comercialización dos servizos de prevención. As empresas teñen que ver a prevención de riscos laborais como un investimento e non como un custo.
Na Mesa de Diálogo Social sobre prevención de riscos laborais, hai que negociar de inmediato un Plan de Choque contra Accidentes Laborais. Entre os temas que hai que incluír non poden faltar os riscos psicosociais, que están relacionados coa primeira causa de morte por accidente laboral no noso país, que son os infartos e os ictus; en termos estatais ata outubro faleceron por este motivo 215 persoas traballadoras.
Dende UGT seguimos reclamando a creación dunha figura similar á da Delegada Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a PRL nas pemes do noso país que non teñen representación sindical, e insistimos en que se debe dotar a Inspección de Traballo de máis medios humanos e materiais, para controlar o cumprimento das normas e a Fiscalía de Saúde Laboral, para investigar e esclarecer responsabilidades.