UGT fai un chamamento á participación na iniciativa 'Hora do Planeta'

Esta iniciativa, que naceu en Sidney en 2007, pretende unir a millóns de persoas en todo o mundo para apagar as luces, un xesto simbólico, no que participan centos de organizacións, entre elas UGT. Así, o 25 de marzo deste ano volverán apagarse durante unha hora as luces de vivendas, comercios, edificios e monumentos emblemáticos. Un movemento global en crecemento polo Planeta, que busca o compromiso e a mobilización en defensa do medio ambiente, aforrando e utilizando a enerxía de forma eficiente. 

Con este acto queremos lembrar que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta, que nos proporciona todo o que necesitamos, dende o aire que respiramos, ata a auga que bebemos e os alimentos que comemos e que debemos defendela e protexela agora, para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar.

Os próximos 7 anos son cruciais para manterse dentro dos límites planetarios e por debaixo do limiar climático de 1,5 °C. En caso contrario, pasaremos a un estado de degradación ambiental irreversible e sufriremos impactos moi graves polo cambio climático.

Por iso, UGT fai un chamamento á participación na 'Hora do Planeta 2023', apuntándose á campaña a través da web: https://www.horadelplaneta.es/ apagando as luces das sedes ou centros de traballo o 25 de marzo ás 20:30 ; e anima especialmente aos delegados e delegadas, e afiliados e afiliadas do sindicato, a sumarse a esta iniciativa.