Xustiza Salarial

Este 7 de outubro, a Xornada Mundial polo Traballo Decente está dedicada aos millóns de traballadores e traballadoras de todo o mundo que merecen e reclaman xustiza salarial.

A inflación actual, produto tanto da guerra en Ucraína como do afán de lucro de poderosas corporacións que controlan a enerxía, o transporte, os alimentos e outros produtos básicos, está a sumir na pobreza a un número cada vez maior de traballadoras e traballadores e ás súas familias. Máis da metade dos fogares está a ter dificultades para subsistir e o 10% non pode sequera afrontar o custo dos produtos básicos.

Desde o comezo da pandemia xurdiron 573 novos multimillonarios. Estes controlan xa o 13,9% do PIB mundial, mentres cada día máis de 700.000 persoas máis caen na pobreza.

Boa parte das traballadoras e traballadores de todo o mundo decidimos mobilizarnos para esixir medidas que reduzan a brecha salarial fronte á inflación galopante que está a privar a familias e comunidades de calquera posibilidade de ter unha vida decente e un futuro digno; enfrontándose, en moitos casos, a unha violenta represión por parte de gobernos que obedecen a intereses corporativos ou á constante ameaza de perder os seus postos de traballo.

Por iso, este 6 de outubro sairemos ás rúas da nosa cidade, para reclamar xustiza salarial para a clase traballadora, tanto do sector da economía formal como da informal, independentemente de onde vivan e do traballo que realicen.

O mundo necesita un novo contrato social no que a xustiza salarial ocupe un lugar central.

É urxente que as consecuencias da inflación sexan tidas en conta en todas as negociacións, de maneira que se distribúan as cargas e aumenten os salarios. Esiximos ás organizacións empresariais responsabilidade, que non bloqueen os procesos de diálogo social nin de negociación colectiva e que entendan que é urxente que se produzan subidas salariais xustas e suficientes. Os sindicatos de clase maioritarios pedimos ao Goberno medidas que freen o aumento dos prezos e que aposten por un impulso forte do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). En base a esas premisas mobilizámonos, xunto ao resto de organizacións irmás da Confederación Sindical Internacional (CSI), para esixir “Xustiza salarial” para os e as traballadoras do mundo.

 

► Manifesto Xornada Mundial polo Traballo Decente