Xuntas temos que parar esta lacra
Fecha: 27 Xan 2023
Con motivo da situación actual relativa á violencia machista, realizamos esta mañá unha concentración diante da nosa sede en A Coruña.
Con dito acto queremos reclamar máis recursos para poñer fin á violencia contra as mulleres, co fin de previr e dar unha atención integral ás vítimas e, acelar a aplicación efectiva dos distintos acordos e convenios acadados no ámbito nacional e internacional.
É preciso incrementar a efectividade do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero; implementar o Convenio de Estambul de 2011 sobre a prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica; acelerar a ratificación do Convenio 190 da OIT sobre a violencia e acoso no mundo do traballo; e a ratificación do Convenio 189, sobre as traballadoras domésticas.
A día de hoxe as mulleres seguen sendo discriminadas e asasinadas polo mero feito de ser mulleres, tamén no traballo. Por iso, é fundamental loitar contra o acoso sexual e de xénero no ámbito laboral onde é moi invisible; non porque non exista, se non porque non se denuncia.
Dende UGT traballamos para apoiar ás mulleres que sofren violencia e denunciamos as situacións que detectamos. Traballamos para impulsar plans de igualdade e promovemos protocolos de prevención contra o acoso sexual ou por razón de xénero, protocolos obrigatorios dende 2007, pero son milleiros as empresas que non teñen.
É imprescindible garantir a independencia económica das mulleres vítimas de violencia e mellorar os mecanismos das políticas activas de emprego para favorecer a súa contratación. O emprego é fundamental e imprescindible para combater a violencia de xénero, polo que é fundamental promover a inserción laboral e o emprego de calidade das vítimas de violencia de xénero.
Ademais, é imprescindible revisar o Programa de Inserción Sociolaboral de Vítimas de Violencia de Xénero e adoptar novas medidas para mellorar os déficits nesta materia; e redobrar esforzos, desde o ámbito xurídico e das políticas públicas para eliminar a discriminación e a desigualdade de xénero en todos os ámbitos, incluído o laboral, imprescindibles para erradicar a violencia machista contra as mulleres