Un primeiro de maio para defender os logros acadados
Milleiros de persoas saen á rúa para reclamar pleno emprego, redución de xornada e aumento dos soldos
Fecha: 01 Mai 2024
O secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, participou hoxe na manifestación celebrada na Coruña con motivo do Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, que este ano se celebra baixo o lema “Polo pleno emprego, menos xornada, mellores salarios”.
Este primeiro de maio saímos a celebrar os logros acadados nos últimos anos, xa que o Diálogo Social conseguiu grandes fitos en materia xurídico-laboral en España, garantindo dereitos que debían recoñecérselle á clase traballadora e que hoxe en día seguen dando os seus froitos: reforma laboral de 2021, a aposta pola suba dos salarios, o aumento das pensións,...
Así mesmo, é fundamental seguir avanzando nas políticas sociais e consolidar os logros mellorando o marco regulador no que se xere o emprego do futuro. É o momento da redución legal da xornada de traballo camiñando cara as 37,5 horas por lei, mellorar a regulación da contratación a tempo parcial e protexer o contrato de traballo cunha nova regulación do despedimento que respecte os compromisos internacionais adquiridos polo noso país a través da Carta Social Europea.
Acabar coa precariedade laboral da xuventude, rematar ca fenda de xénero que sofren as mulleres e protexer as persoas traballadoras que se encontran en situacións de vulnerabilidade e son vítimas de discriminación laboral por mor da súa raza, sexo, xénero, identidade ou discapacidade debe ser unha prioridade.
No noso país seguimos lamentando as graves consecuencias dos accidentes laborais. Instamos á Consellería de Traballo a axilizar os traballos da Mesa de Diálogo Social para actualizar e adaptar a normativa de prevención de riscos laborais ás novas realidades do mundo. Canto máis tempo pasa, máis mortes e accidentes temos que lamentar.