A mortalidade por accidentes de traballo estase a disparar: urxen solucións inmediatas
Se non se toman medidas urxentes remataremos, en España, o ano con máis de 750 falecidos
Fecha: 16 Set 2024
Segundo o avance de datos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, en España, a mortalidade por accidentes de traballo volve a dispararse. 435 persoas traballadoras faleceron durante os sete primeiros meses de 2024. É 36 persoas máis que as falecidas no mesmo período do ano anterior. Dos falecidos, 403 eran persoas asalariadas. As mortes por accidente de traballo aumentaron un 13,8% entre este colectivo, o que supón 49 falecidos máis con respecto a xullo de 2023.
Na provincia da Coruña, nese mesmo período, producíronse 7.312 accidentes de traballo, dos cales, 9 foron mortais. Aínda, que o número de accidentes aumentou nun 4,7%, o número de personas que perderon a súa vída diminuiu nun 6,6%.
Os datos continúan a reflictir a necesidade de solucións urxentes coa finalidade de facer fronte á lacra dos accidentes laborais.
Os datos facilitados polo Ministerio mostran que aumentan as mortes en accidentes de traballo por atrapamentos, golpes, caídas, accidentes de tráfico ou colisións, entre outros. Causas que se poderían evitar, por iso en UGT insistimos na importancia de cumprir a lexislación preventiva. A prevención de riscos laborais é unha materia pendente. Todos os días, dúas persoas traballadoras non regresan á casa polo simple feito de tentar gañarse a vida.
Para UGT é urxente que a normativa preventiva se adapte á nova realidade dos postos de traballo, pero ante os datos seguimos insistindo na necesidade de negociar un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral na Mesa de Diálogo Social que está actualmente aberta. Agardamos que na reunión prevista para este mes de setembro se aborde este tema co obxectivo de protexer a vida e a saúde das persoas traballadoras.
Dende UGT demandamos un incremento dos medios humanos e materiais para a Inspección de Traballo, co obxectivo de potenciar o control do cumprimento das normas preventivas. Tamén se deberían destinar maiores recursos á Fiscalía de Accidentes de Traballo para reducir os tempos de resolución de condenas e para a creación de Xulgados especializados.
Mentres non se faga efectiva, consideramos que son necesarias outras garantías de cumprimento da normativa preventiva. Para iso propoñemos que se analicen fórmulas alternativas, como, por exemplo, que se habiliten as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo no cumprimento preventivo cando se confirmen situacións constitutivas de infraccións graves ou moi grave.
Por último, reclamamos a creación dunha figura similar á da Delegada Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a PRL nas pemes do noso país que non teñen representación sindical.