É necesario reforzar a calidade do emprego
Hai que poñer fin aos problemas do mercado laboral
Fecha: 03 Out 2023
Os datos do paro do mes de setembro, publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE), amosan unha evolución do paro e da afiliación marcada pola estacionalidade propia do final do período estival, situando un aumento do paro e unha diminución moderada de afiliación.
Deste xeito, o paro rexistrado aumenta en 902 persoas debido ao remate da tempada alta da campaña de verán, e o número de afiliados á Seguridade Social diminúe en 2.491 persoas. De feito, eliminando o compoñente estacional, o paro baixou en 5.003 persoas e a afiliación aumentou en 9.785.
En conxunto, o paro rexistrado situouse este mes en 52.429 persoas, 5.003 menos que no mesmo mes do ano anterior. Pola súa banda, a afiliación sitúase nun total de 461.543 persoas, e 9.785 máis que no mesmo mes do ano anterior, o que supón unha taxa de crecemento do emprego anual do 2,17%, reflectindo o dinamismo que segue mantendo o mercado laboral a pesar do difícil contexto económico e político.
Ademais, o máis importante, esta fortaleza na creación de emprego segue baseándose no emprego de calidade: dos 28.394 contratos rexistrados este mes, 9.607 son indefinidos, o que supón o 33,83% da contratación.
É o momento de poñer fin aos problemas do mercado laboral
Para UGT Coruña e Cee é o momento de pasar a solucionar outras deficiencias estruturais que aínda seguen arraigadas, impedindo o funcionamento eficiente do mercado laboral que se traduza nunha mellor calidade de vida para as persoas traballadoras. Unha delas é a precariedade laboral que seguen a padecer milleiros de persoas no seu traballo (en termos estatais o 11,6% dos ocupados está en risco de pobreza). Algo que, para o sindicato, resulta totalmente inxustificable para unha economía que pretende avanzar cara a un modelo de crecemento inclusivo e socialmente xusto a través do emprego de calidade.
O outro é o desemprego de longa duración, que segue a manterse en niveis moi elevados, e cuxas causas radican nas deficiencias das políticas activas de emprego. A Lei de emprego aprobada na lexislatura anterior non lles dota das ferramentas necesarias. En consecuencia, o 40,4% das persoas desempregadas están paradas de longa duración, é dicir, levan máis dun ano buscando traballo.
Por iso, UGT Coruña e Cee esixe que estas cuestións se sitúen no centro do debate político e adquiran a importancia que merecen na próxima lexislatura, mentres que calquera reforma do marco normativo laboral debe traducirse nunha mellora efectiva da calidade de vida de todas as persoas traballadoras e, polo tanto, todos os fogares.
Datos principais na Provincia da Coruña
- En setembro rexistráronse un total de 52.429 persoas en situación de desemprego, 902 persoas máis que o mes pasado. En termos anuais, o paro baixou en 5.003 persoas (- 8,71%).
- Neste mes hai 337 mulleres máis rexistradas como paradas con respecto a agosto, e 565 homes máis. En termos anuais, o paro feminino baixou en 2.981 mulleres e o masculino en 2.022 homes. As mulleres representan o 59,18% das persoas desempregadas.
- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 2.188 en setembro, o que supón un aumento de 238 persoas máis desempregadas que en agosto. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos aumentou nun 4,5 % (99 mozos desempregados máis ).
- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de parados rexistrados aumenta en setembro en 236 persoas; chegando a un total de 3.761 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento do 3,2%, o que supón121 persoas estranxeiras desempregadas máis.
- Respecto ao mes anterior, a información por sectores amosa un aumento de 902 persoas paradas. Se produce un aumento de 629 persoas paradas no sector servizos, 62 persoas na industria, 21 persoas no sector da construción e no colectivo sen emprego anterior en 191 persoas; e no sector do agro amosa un descenso en 1 persoa.
- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social diminuíu en 2.491 persoas en setembro, ata alcanzar unha media de 461.543 persoas afiliadas.
- O número de contratos totais foi de 28.394, dos cales 9.607 foron de carácter indefinido.
- O volume de contratos totais diminúe en termos anuais nun 14,59%, os temporais fano nun 8,90% e os indefinidos nun 23,90%. O peso das persoas traballadoras fixas de setembro sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 33,83%.