8M : Desvantaxes das mulleres no mercado laboral

Dende o Gabinete de Igualdade de UGT Galicia, se procedeu a realización dun informe para evaluar a situación sociolaboral da muller na nosa comarca. Cos datos que neste informe se detallan, ademais de amosar a desvantaxe das mulleres con respecto aos homes no mercado laboral, compróbanse tamén os efectos da pandemia nas principais variables do mercado laboral: afiliación á Seguridade Social, paro rexistrado, contratación rexistrada e pensións.

Actividade

  • Na Comarca de A Coruña, o número de traballadoras afiliadas á Seguridade Social no 2021 é menor que o número de homes. Aínda que existe unha mellora no ano trala forte crise de emprego pola pandemia do ano 2020, esta mellora beneficia máis aos homes, que aumentan un 2,9% fronte ao 1,8% das mulleres. A participación da muller na comarca é do 49,3% do total, mellor que a do conxunto de Galicia, onde acada o 48,5%, pero en ambos contextos a muller ten menor presenza que os homes no mercado laboral.
  • Na Comarca de Cee, o número de traballadoras afiliadas á Seguridade Social é menor que o número de homes, sendo a participación da muller do 46,3% do total , menor incluso que a do conxunto de Galicia, pero en ambos contextos a muller ten menor presenza que os homes no mercado laboral.

Desemprego

  • Na Comarca de A Coruña compróbase que as mulleres no ano 2021 non conseguiron na mesma medida que os homes diminuír as cifras de desemprego. Mentres que o desemprego diminúe un 14,4% no caso dos homes nas mulleres a porcentaxe de contracción é inferior, o 6,8%. Do total das persoas desempregadas no 2021 o 58,3%, son mulleres. Porcentaxe máis acusada que á rexistrada en Galicia (58%). Na propia comarca segundo sexa o concello analizado, o peso do desemprego feminino amosa fortes diferenzas, dende o 39,6% do concello de Monfero ate o 65,5% no concello de Carballo. No concello da Coruña, o de maior poboación da comarca, o peso é do 56,3%.
  • Na Comarca de Cee compróbase que as mulleres no ano 2021 non conseguiron na mesma medida que os homes diminuír as cifras de desemprego. Mentres que o desemprego diminúe un 14,2% no caso dos homes nas mulleres a porcentaxe de contracción é inferior, o 10,8%. Do total das persoas desempregadas no 2021 o 60,5% , son mulleres. Porcentaxe máis acusada que á rexistrada en Galicia (58%). Na propia comarca segundo sexa o concello analizado, o peso do desemprego feminino amosa fortes diferenzas, indo dende o 46,3% do concello de Mazaricos ao 67,4% de Dumbría.

​Desemprego de longa duración (máis dun ano no desemprego)

  • Na Comarca de A Coruña hai 17.544 persoas desempregadas de longa duración, das cales 10.585 son mulleres. É dicir, o 60,3% do total de desemprego de longa duración o padecen as mulleres. 
  • Na Comarta de Cee hai 1.604 persoas desempregadas de longa duración, das cales 1.017 son mulleres. É dicir, o 63,4% do total de desemprego de longa duración o padecen as mulleres.

En ambas Comarcas, non só hai máis mulleres desempregadas, senón que ademais teñen maior dificultade para saír desta situación.

Contratación

  • Na Comarca de A Coruña, rexistráronse no ano 2021 un total de 192.736 contratos, destes menos da metade, o 48,8% a mulleres. Además deste reparto desfavorable en termos cuantitativos á muller, ven acompañado de desiguais condicións á hora da tipoloxía da contratación, xa que a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total da contratación é nos homes do 12,3% e nas mulleres é máis baixa, o 10,4%. En todo caso, a maioría dos contratos tanto en homes como mulleres son temporais.
  • Na comarca de Cee, no ano 2021 rexistráronse 11.761 contratos, destes o 52% a mulleres. Este reparto ´a priori´ beneficioso entre homes e mulleres non se traduce en diferentes condicións á hora da tipoloxía da contratación utilizada, xa que mentres que no caso masculino a porcentaxe da contratación indefinida é do 15,6%, nas mulleres é moito máis baixo, o 8,6%. En todo caso, a maioría dos contratos tanto en homes como mulleres son temporais.

Emprego a tempo parcial

  • Na Comarca de A Coruña, do total de contratos realizados a mulleres un 50,3% foron a tempo parcial, maior peso que no caso masculino, onde se realizaron un 30,1% a tempo parcial.
  • Na Comarca de Cee, do total de contratos realizados a mulleres un 39,1% foron a tempo parcial, maior peso que no caso masculino, onde se realizaron un 19,1% a tempo parcial.

A Reforma laboral, con ou sen pandemia, fixo que o emprego creado fose precario. Contratos de moi curta duración, abuso da parcialidade, maior temporalidade, o que permitiu a destrución de emprego fácil e de xeito masivo. E ademais prexudicando moito máis as mulleres galegas que aos homes, afondando nas fendas xa existentes.

Pensións

  • Na Comarca de A Coruña, no ano 2019 houbo 60.080 mulleres pensionistas da Seguridade Social, o que implica o 50,8% do total. A contía media das pensións das mulleres ascende a 888,80 euros mensuais, fronte ao 1.191,33 euros dos homes: 302,54 euros ao mes de diferenza, o que supón que a brecha de xénero neste caso é do 25,4%. No total de Galicia a brecha salarial é do 25,3% 
  • Na Comarca de Cee, no ano 2019 houbo 8.469 mulleres pensionistas da Seguridade Social, o que implica o 47,9% do total. A contía media das pensións das mulleres ascende a 683,94 euros mensuais, fronte ao 887,78 euros dos homes: 203,84 euros ao mes de diferenza, o que supón que a brecha de xénero neste caso é do 23%. No total de Galicia a brecha salarial é do 25,3%.

A discriminación salarial dáse tamén nas pensións, e de xeito alarmante. Hai unha forte brecha de xénero nas pensións, clara consecuencia das desigualdades da vida laboral entre ambos sexos.

 

As medidas e lexislación adoptadas dende 2019, fruto do diálogo social, incluida a reforma laboral e a subida do SMI, supoñen un importante avance en materia de igualdade, pero para que ésta sexa unha realidad é preciso que as empresas cumplan cas normativas aprobadas, máis recursos e maior vixilancia. UGT recorda que, a partires do 7 de marzo, as empresas de máis de 50 traballadores deben contar cun plan de igualdade.

Para reducir a desigualdade existente que sufren as mulleres é imprescindible:

  • Impulsar na negociación colectiva os planes de igualdade, e os rexistros de igualdade retributiva. 
  • Reforzar á Autoridade Laboral para asegurar o cumplimento efectivo do principio de igualdade nas empresas.
  • Avanzar en modificar os aspectos lesivos da reforma laboral de 2012 no marco do diálogo social.
  • Incrementar no 2023 o SMI ata que alcance o 60% do salario medio.
  • Mellorar as políticas activas de emprego, en especial as dirixidas a fomentar a participación e permanencia das mulleres no traballo e adoptar medidas de acción positiva para eliminar a desigualdade no emprego e na protección social, que padecen as mulleres.
  • Que todas as políticas que se adopten en tódolos ámbitos teñan perspectiva de xénero.
  • Combatir a violencia machista dende os centros de traballo, adoptando protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo, incluindo o acoso sexual e sexista cibernético.

Ademáis, se demanda unha reforma educativa que fomente a igualdade e o respecto á diversidade; adoptar medidas dirixidas a lograr a representación paritaria en tódolos órganos de representación e decisión; e acelerar o proceso de ratificación do Convenio 189 da OIT sobre traballo digno das traballadoras do fogar e o Convenio 190 sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo. É necesario avanzar na eliminación das violencias machistas, garantizando a financiación necesaria e o estricto cumprimento das medidas acordadas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e dos compromisos adquiridos ca firma do Convenio de Estambul.

► Informe: "“Acortando el camino en la lucha contra la desigualdad de género en el mundo laboral”

► Informe da situación sociolaboral da muller nos concellos que conforman a Unión UGT Coruña – Cee.

Manifesto 8M