Dende UGT A Coruña e Cee seguiremos de cerca a análise das estatísticas de sinistralidade laboral.

Existe unha diminución nos accidentes de traballo con baixa en itínere e non constan accidentes mortais.

Fecha: 18 Mar 2025

Casco amarelo, protección acústica en cor negra, guantes de cor laranxa e gafas transparentes colocadas enriba dun taboleiro de madeira

Segundo os datos estatísticos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ao primeiro mes de 2025, producíronse na nosa provincia 1.020 accidentes laborais con baixa, dos cales 921 aconteceron durante a xornada, e 99 accidentes in itinere.

Estes datos amosan un aumento da sinistralidade laboral durante a xornada (2,5%), e unha diminución da sinistralidade nos desprazamentos (7%).  Así mesmo, non constan accidentes mortais con baixa rexistrados, polo que tamén esta cifra diminúe. Tomamos estas cifras con cautela, xa que o período de análise é curto, polo que seguiremos de cerca a análise das estatísticas de accidentes laborais.

Os datos estatais mostran que os ataques cardíacos e os accidentes vasculares cerebrais seguen a ser a principal causa de mortes no traballo, con 21 falecidos. É fundamental promover melloras na protección da saúde mental das persoas traballadoras, xa que estas condicións poden verse agravadas, por exemplo, polo estrés laboral.

A UGT reclama ambición e compromiso á hora de revisar a Lei de Prevención de Riscos Laborais na Mesa de Diálogo Social. Non podemos deixar pasar esta oportunidade de garantir unha maior protección da seguridade e da saúde das persoas traballadoras.

A xestión dos riscos psicosociais de orixe laboral que están a afectar á saúde mental das persoas traballadoras, a perspectiva de xénero, abordar os efectos das transicións dixitais, ecolóxicas e demográficas sobre a saúde e a seguridade son cuestións que deben incluírse con urxencia na Lei de Prevención.

Reclamamos un incremento dos medios humanos e materiais para a Inspección de Traballo. Isto permitirá incrementar as visitas ás empresas e poder controlar o cumprimento da normativa preventiva. Mentres non se reforce a Inspección de Traballo, cremos necesario establecer garantías de cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral. De nada vale ter unha lei avanzada se as empresas non poden garantir o seu cumprimento.

A este respecto, propoñemos que se autorice ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como "auxiliares ou colaboradores" da Inspección de Traballo na execución preventiva cando se detecten situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.  

Por último, seguimos reclamando a creación dun posto similar ao da delegada territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicados son máis seguros. A creación deste posto axudaría a mellorar a seguridade e saúde laboral nas pemes do noso país que carecen de representación sindical.